Rueda censura a "falta de iniciativa política" da Deputación
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Alfonso Rueda, realizou este mércores unha visita á Deputación para manter un encontro de traballo cos seus deputados, xente que segundo o dirixente do PP, están a suplir co seu traballo a "falta de iniciativa política" do goberno que presidente a socialista Carmela Silva.
Rueda sinalou que desde o inicio do mandato todas as mocións que se presentaron con "contido e alcance político" foron defendidas polos deputados do PP desde a oposición, polo que engadiu que "o mesmo tería que facerse desde o goberno".
"Se non hai un goberno que goberne ten que haber unha oposición responsable que polo menos faga propostas e estas se leven a cabo", explicou Alfonso Rueda, que apuntou que os únicos con "portas e ventás abertas" na institución provincial son os populares.
Entre as cuestións abordadas nesta reunión de traballo, os populares analizaron a supresión do Plan de Acción Comunitaria (PAC) que, segundo lamentaron, ameaza a supervivencia de numerosas asociacións e colectivos da provincia.
Así, Rueda avanzou que a Xunta de Galicia tentará "suplir esta falta de axudas" para que estas asociacións poidan seguir coa súa actividade.
Ademais, o dirixente popular como vicepresidente da Xunta lembrou que o goberno galego levan tres meses esperando que as deputacións "nos aporten un só papel" para estudar a viabilidade de que os parques de bombeiros comarcais pasen a ser xestionados de forma directa polas administracións públicas.
Rueda, que sinalou que tras varias reunións a iniciativa da Xunta "seguimos esperando", reiterou que o goberno galego só puxo dúas condicións para este cambio de xestión, que non supoña un maior custo para as arcas públicas e que os actuais traballadores non perdan o seu posto de traballo.
Por último, Alfonso Rueda indicou que tamén espera a colaboración das deputacións nas axudas que a Xunta entregará aos concellos para facer fronte aos danos ocasionados polos temporais.
O goberno galego, dixo, comprometeuse a sufragar o 30% do custo dos investimentos necesarios, uns dous millóns de euros, e espera que as institucións provinciais "se impliquen" nesta cuestión e achegar unha parte do diñeiro necesario.
Relacionadas:
-
Carmela Silva acusa a Rueda de "mentir"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP abandona o pleno da Deputación en desacordo co "ditatorial" sistema de control da sesión
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
O PP denuncia que a Deputación deixa "desatendidos" a máis de 300 colectivos veciñais
Por Redacción |