Estonia empápase da experiencia pesqueira e marisqueira das Rías Baixas
Por Redacción
Estonia poderá extrapolar a experiencia adquirida en anos de actividade polos mariñeiros e pescadores das Rías Baixas. Unha delegación de cidadáns desta república báltica atópase de visita no Salnés e Arousa para coñecer o xeito de traballar das xentes do mar galegas e as últimas técnicas aplicadas a nivel científico polo sector.
A delegación, integrada por 25 persoas vinculadas ao sector marítimo, estivo no Concello de Cambados e pasará tamén por Vilagarcía de Arousa, pola sede do Institituo Tecnoloxíco para o Control do Medio Mariño (Intecmar) en Vilaxoán e por distintas zonas pesqueiras, bancos marisqueiros e viveiros flotantes característicos das rías galegas.
Estonia comezou recentemente a recibir fondos europeos para a mellora e explotación dos recursos mariños, de xeito que con esta visita buscan coñecer a experiencia da pesca e do marisqueo en Galicia para aplicar na república báltica ideas xa postas en marcha aquí con anterioridade.
Na súa visita a Cambados acompañáronos o alcalde, Luis Aragunde, xunto coa xerente do Grupo de Acción Costeira Ría de Arousa (GAC), Rosa Carballo, que lles explicaron de primeira man aspectos da situación económica e social deste municipio.
Unha das instalacións visitadas por esta delegación foi o salón José Peña, cuxos equipamentos foron xestionados a través do Grupo de Acción Costeira. Durante a visita o alcalde explicoulles as características da economía desta comarca, salientando os sectores da horta e viño, pesca e marisqueo, xunto co turismo e comercio, como as principais fontes de riqueza de Cambados e comarca.
No seu paso por Vilagarcía de Arousa, previsto para este martes 9 de outubro, participarán nun recibimento co alcalde, Tomás Fole. Dende este concello arousano exprican que a visita da expedición estona se enmarca na axenda do GAC da Zona 5, para dar a coñecer as diferentes localidades que integran o grupo, así como as iniciativas desenvolvidas dentro deste territorio e que servirán de referente cara a dinamización socioeconómica e territorial a nivel europeo.