Fomento informa de xeito favorable á Vía Verde na antiga liña do ferrocarril entre Vilagarcía e Portas
Por Redacción
O Ministerio de Fomento emitiu un informe favorable ao proxecto conxunto de Vilagarcía, Caldas e Portas para converter a antiga liña do ferrocarril entre Vilagarcía e Portas na primeira Vía Verde integramente galega. Este informe implica dar traslado da iniciativa ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) e un paso adiante para facela realidade.
O Concello de Vilagarcía deu a coñecer a noticia este luns despois de recibir un comunicado asinado polo subdirector xeral de Planificación Ferroviaria do Ministerio de Fomento, Jorge Ballesteros, informando deste informe favorable.
O comunicado de Fomento recibido polo Concello recoñece que o tramo Portas-Rubiáns "de la antigua línea Redondela-Santiago" está actualmente "sin servicio ferroviario" e de aí a súa disposición a que poida converter en "senda verde peatonal", de todo o cal dá traslado ao ADIF.
Con esta resolución, os concellos implicados xa poden avanzar na redacción da memoria que deberán presentar diante da Fundación de Ferrocarriles Españoles (FFE), que é o órgano que xestiona este tipo de actuacións cuns estándares de calidade moi altos. O seguinte paso será que os técnicos dos tres concellos elaborarán a memoria de recursos turísticos e medioambientais de cada un dos tramos para logo poñelos en común.
Unha vez recabada toda a información e redactada a memoria valorada, o documento final presentarase na Fundación de Ferrocarriles Españoles ao fin de lograr a cualificación de "Vía Verde", marca da que é propietaria a FFE, pero tamén noutras administracións para xestionar as axudas ás que teñan dereito para converter esta senda nun novo referente turístico como a primeira Vía Verde que discorra integramente por terras galegas.
Segundo recorda o Concello a través dun comunicado, a posibilidade de converter este tramo do antigo trazado de Vilagarcía a Pontevedra, construído hai máis de 115 anos, foi unha das cuestións que lle planteou o alcalde vilagarcián, Alberto Varela, á ministra de Fomento, Ana Pastor, na reunión que mantiveron o 4 de maio en Pontevedra.