Falece en Madrid o escritor e editor pontevedrés Sabino Torres
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Sabino Torres Ferrer, editor, escritor e xornalista pontevedrés afincado desde hai anos en Madrid, faleceu á primeira hora da mañá deste luns nunha clínica hospitalaria da capital de España, segundo confirmaron fontes familiares.
O coñecido editor e escritor faleceu aos 91 anos - o próximo xuño cumpriría 92- e a súa capela ardente instalarase este luns no tanatorio M30 de Madrid.
Sabino Torres Ferrer (Pontevedra, 1924 - Madrid, 2016) seguía moi vencellado á cidade do Lérez a pesar de que se instalou en Madrid e aquí protagonizou en xullo de 2014 un dos seus últimos actos públicos, a presentación dun libro de memorias, Crónicas dun tempo escondido: Pontevedra 1930-1960, no que recuperou con humor, intelixencia e unha prosa áxil e desinhibida, un tempo pouco coñecido da historia cultural e social contemporánea de Pontevedra.
O libro está centrado na vida da cidade do Lérez entre o ano 1936, coincidindo co levantamento dos militares en África e as manifestacións en prol da República, que o autor viu como reprimían sendo un neno de 12 anos mentres xogaba a pelota cos compañeiros na alameda pontevedresa, ata o ano 1969, en que decide deixar Galicia para iniciar novos camiños profesionais e vitais.
Torres comezou a súa actividade xornalística en Pontevedra no ano 1943 na revista Finisterre con Emilio Canda Pérez e Celso Emilio Ferreiro, pero sen dúbida unha das súas máximas contribucións á cultura galega foi a edición a partir de 1949 da colección Benito Soto con Manuel Cuña Novás e Emilio Álvarez Negreira, na que se editaron 17 publicacións. En 1953 creou semanario Litoral e en 1992 a colección poética Hipocampo Amigo con Emilio Álvarez Negreira e na súa biografía destaca tamén o seu papel protagonista na película La gran truchada, rodada en 1959, en branco e negro e muda, sobre a súa mocidade en Pontevedra xunto aos seus amigos.
A súa traxectoria literaria levoulle a ser membro correspondente da Real Academia Galega e permitiulle deixar unha extensa obra tanto en galego como en castelán. A última, editada en 2015 por Galaxia e o Concello de Pontevedra, foi Pontevedra. Laranxeiras e limoeiros. Cuaderno de Carmen (1949), Ondas do mar comigo (1997), Trovas de Nadal (1999), Xograría nova (2000), Intres de soidade (2001), As tres columnas, (2008), Versos para la bella Helenes (2010) e Crónicas dun tempo escondido. Pontevedra 1930-1960 (2014) completan a súa bibliografía.
Tras coñecerse a noticia do pasamento, a directiva da Asociación Galega de Editoras (AGE) lamentou a perda dunha "figura irreemprazable" da lírica no século XX e destacou del que é un "respectado e apreciado referente intelectual, memoria crítica e vibrante da súa cidade", Pontevedra.
Do "valioso legado" de Sabino Torres, decano dos editores galegos, á cultura galega destacan a colección Benito Soto, a primeira que publicou poesía en galego durante a ditadura franquista. Consideran que coa súa morte o mundo da edición en Galicia perde "un exemplo de compromiso coa lingua e coa cultura", un promotor de ideas e iniciativas que foi quen de facer posible o imposible nunha época privada de plena liberdade para actuar a prol do desenvolvemento do país.
Relacionadas:
-
A Real Academia Galega celebra no Museo de Pontevedra os 70 anos da colección de poesía Benito Soto
Por Redacción |
-
RADIO.- A "Mimitos" regresa a Pontevedra... a través da cámara de Manolo Yáñez
Por Marisa Ciordia |
-
"Lembranza dun fillo querido, predilecto, desta cidade que tanto amou"
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Pontevedra entregará este sábado á familia de Sabino Torres o título de fillo predilecto
Por Redacción |
-
Sabino Torres, novo fillo predilecto de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra rende a súa primeira homenaxe ao falecido Sabino Torres
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Pontevedra renderá homenaxe a Sabino Torres coa presentación da revista Olga, o seu último proxecto editorial
Por Redacción |
-
A corporación apoiará o nomeamento de Sabino Torres como fillo predilecto de Pontevedra
Por Anxo Lourido & Diego Torrado & Mónica Patxot |
-
Sabino Torres retrata a Pontevedra 1936-1969 en "Crónicas dun tempo escondido", o seu novo libro
Por Diego Torrado |