As "Casas Niño" ofertarán 150 novas prazas de atención continuada para menores de 3 anos
Por Redacción
A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, anunciou este xoves o programa das Casas Niño en compañía do delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís.
Trátase dunha iniciativa que proporcionará 150 novas prazas de atención continuada para menores de 3 anos en municipios de menos de 5.000 habitantes nos que non exista outro recurso de atención continuada á infancia. Na provincia de Pontevedra, os concellos afectados son A Lama, Mondariz, Pazos de Borbén, Dozón, Crecente e Fornelos de Montes.
As Casas Niño son un recurso que busca mellorar a conciliación familiar e favorecer a igualdade no acceso aos servizos con independencia do lugar de residencia. Trátase da primeira vez que se pon en marcha unha acción destas características en Galicia, grazas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder.
Cada Casa Niño atenderá un máximo de 5 nenos. Estes fogares ofrecerán unha atención integral e personalizada con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna de luns a venres e as familias poderán levar aos menores un máximo de oito horas diarias, nun horario que se pactará coa persoa que se encargue do espazo. Atenderanse as necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa idade e a contribución ao desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social do menor.