Os pivotes da nova praza do Hospital son "mortais", segundo o PP
Por Redacción
O Partido Popular solicitará ao goberno municipal a retirada dos pivotes que impiden o acceso directo ao Hospital Provincial e que foron colocados tras a creación da praza pública diante do centro sanitario.
Farao no próximo pleno municipal, trasladando unha queixa de veciños da zona.
Jacobo Moreira asegura que estes pivotes, colocados para impedir o paso de vehículos desde Cobián Areal, son "mortais" porque no caso dunha urxencia "impiden o acceso directo" ao hospital.
"Un vehículo que acode ao Provincial cunha urxencia médica non debería atoparse con obstáculos, pois en moitos casos, o tempo xoga na súa contra", sinala o portavoz popular.
O PP lembra que para poder acceder ao Hospital desde Cobián Areal, os veciños vense obrigados a dar a volta por José Millán, San Antoniño, Casimiro Gómez e Loureiro Crespo, "unha volta que supón unha perda de tempo que en ocasións pode supoñer a diferenza entre salvar a vida e perdela", algo que podería resolverse sen eses pivotes.
Moreira pedirá así ao BNG que se adopte unha medida similar pero que non impida a accesibilidade, dando solución así ás persoas que acoden ao hospital por unha urxencia médica.