A Brilat repartirá sorte en 5,5 millóns de cupóns da ONCE no seu 50 aniversario
Por Natalia Puga
Con motivo do seu 50 aniversario, a Brigada de Infantería Lixeira (Brilat) repartirá sorte en colaboración coa ONCE. Será a protagonista do cupón do martes día 7, do que se farán cinco millóns e medio de exemplares para recoñecer o traballo da brigada a nivel nacional e mesmo internacional.
Coincide co día do aniversario, a pesar de que este ano non se celebrará no seu día, senón que o aniversario tivo que atrasarse porque o groso dos militares da Brigada está desprazado a Polonia para realizar o exercicio da OTAN 'Valiant Falcon 16'.
O cupón distribuirano os preto de 20.000 vendedores da ONCE en España, dos que 700 traballan en Galicia, pero tamén estarán dispoñibles a través de Internet na páxina web oficial de xogo da ONCE. Ademais, grazas ao Terminal Punto de Venda (TPV), o cliente poderá elixir o número que máis lle guste, todos eles coa imaxe da Brilat.
Este cupón é unha homenaxe ao medio século de vida da brigada desde a súa creación en xaneiro de 1966 e, como ocorre con todos os cupóns diarios, ofrece, por 1,5 euros, 55 premios de 35.000 euros ás cinco cifras.
Ademais, o cliente ten a oportunidade, por 0,5 euros máis, de xogar tamén á serie, e gañar 'A Paga' de 3.000 euros ao mes durante 25 anos, que se engadirá ao premio de 35.000 euros. Terán premio de 500 euros os números anterior e posterior ao agraciado; e premio de 200, 20, e 6 euros ás catro, tres e dúas últimas cifras, respectivamente, do cupón premiado. Así como reintegros de 1,5 euros á última e primeira cifra.
Unha copia enmarcada deste cupón, co número 00000, está xa en mans da brigada. O delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, entregoulla este mércores ao coronel Vicente González Martín, xefe accidental da brigada polo desprazamento do xeneral Luís Cebrián Carbonel a Polonia, insistindo en que é "honor" contribuír á conmemoración deste 50 aniversario con "lo mejor que tenemos", a súa "tarjeta de presentación social".
A Brilat, pola súa banda, agradeceu esta homenaxe que lle ofrece "una organización reconocida no solo por nosotros en particular sino por todo el mundo en España" nunha data "tan significativa para nosotros". En agradecemento, entregáronlle unha lámina da brigada.
Relacionadas:
-
Avanzan os preparativos para a celebración do 50 aniversario da Brilat
Por Redacción |
-
Veciños de Barro e Moraña agraciados con 280.000 euros do sorteo do cupón da ONCE
Por Redacción |
-
Ensaio xeral na Brilat para despregarse en 48 horas ante unha crise de seguridade en calquera punto do mundo
Por Natalia Puga |
-
A Brilat propón celebrar o seu desfile de aniversario polas rúas de Pontevedra