Preto de 500 persoas secundan a manifestación de CCOO e UGT
Por Anxo Lourido
Minutos antes de comezar a marcha, un dirixente sindical bromeaba afirmando que "se fose ilegal, contariamos con moito máis apoio". Pero el Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decidira tres horas antes que a manifestación convocada por Comisións Obreiras e UGT era "legal porque o acto non tiña por obxecto a captación de sufraxios por parte dos convocantes e, polo tanto, resultaba allea á campaña electoral".
Deste xeito, arredor de cincocentas persoas xuntáronse fronte ao edificio sindical na Praza da Ferrería para acompañar esta marcha pola industria, polo emprego e contra os orzamentos xerais do Estado que a Xunta electoral provincial desautorizara inicialmente ao entender que non podía coincidir dentro do marco da campaña para as eleccións ao Parlamento galego.
Os representantes sindicais de CCOO e UGT, Xosé Luís García Pedrosa e Ramón Vidal, entenden que con esta actuación, o goberno tentou evitar unha afluencia masiva de cidadáns a unha manifestación que contou coa presenza de diversos membros do PSOE como Antón Louro, Patricia Vilán e Agustín Fernández.
Os dirixentes sindicais afirmaron que o departamento legal estudará agora a posibilidade de presentar unha demanda xudicial contra a Xunta Electoral provincial de Pontevedra e contra a Subdelegación do Goberno por danos e prexuízos xa que, segundo afirmaba Ramón Vidal "houbo intencionalidade en desmobilizar aos cidadáns a través de procedementos ilegais".