Ultiman un "ambicioso" plan para dar un "xiro de 180 graos" á política deportiva da Deputación
Por Alejandro Espiño
Dar un "xiro de 180 graos" á política deportiva da Deputación. Ese é o obxectivo do plan estratéxico de deportes no que está a traballar a institución provincial e que deseñará as liñas de actuación nesta materia para toda a lexislatura. Así o avanzou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, para a que o deporte es unha aposta "prioritaria" do goberno bipartito.
O equipo redactor deste plan mantivo nos últimos días unha serie de reunións co fin de identificar proxectos e criterios e desenvolver ferramentas de cooperación, para que o plan sexa consensuado con todos os colectivos implicados no deporte provincial.
Silva destacou que nestas reunións, "nas que atopamos unha receptividade espectacular", expuxéronse as liñas do programa e achegóuselles aos diferentes colectivos o borrador inicial do plan estratéxico que, neste momento, está sendo estudado para que poidan indicar as súas consideracións.
No caso concreto dos concellos, a presidenta indicou que se lles pediu que fagan chegar as súas principais necesidades en relación ás infraestruturas deportivas, equipamentos, promoción do deporte, formación dos técnicos en materia deportiva, demandas da cidadanía dos concellos así como sobre as prácticas deportivas dos municipios.
O plan estratéxico do deporte provincial, segundo asegurou Carmela Silva, estará concluído en setembro, coincidindo coa posta en marcha do orzamento do vindeiro ano.
Con esta iniciativa, o goberno da Deputación quere "rachar coa libre disposición" do goberno anterior, impulsar unha política que vele para que o deporte se converta "nun referente de transparencia e equidade" e promover actuacións coa implicación dos propios concellos, clubs, federacións, entidades e asociacións deportivas de toda a provincia, "a través duns criterios públicos e claros, baseados na concorrencia competitiva".
A presidenta da Deputación de Pontevedra recordou o esforzo que está a realizar a institución en materia deportiva que se traduce en que "en dez meses de mandato do novo goberno" publicáronse as bases de subvencións a entidades e clubs deportivos da provincia para o deporte base e deporte náutico, así como as destinadas a entidades e clubs que participen en competición federada de ámbito nacional por preto dun millón de euros.
Tamén se puxeron en marcha a Copa Deputación e os programas polideportivos en Príncipe Felipe así como as achegas para material, as subvencións dirixidas á realización de actividades deportivas, as destinadas aos deportistas olímpicos e os convenios cos clubs de elite da provincia, varios deles do deporte feminino, "excluídos das axudas polo goberno anterior".