Hai un ano o BNG conseguía o seu mellor resultado electoral no Concello de Pontevedra con doce concelleiros, o cal non significa que estea a ser o seu mandato máis sinxelo. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, fai en todo caso un balance "positivo" destes primeiros doce meses deste quinto mandato, xa que asegura que "empezamos con moita forza, actividade e participación coa xente".
Nunha entrevista en PontevedraViva Radio, Fernández Lores recoñece que a actual correlación de forzas na corporación e a falta dun socio de goberno estable xeran "dificultades", pero reitera que na oposición "non hai alternativa". A pesar diso, asegura que máis aló de acordos puntuais nalgúns asuntos "non desbotamos pactar para darlle maior estabilidade ao goberno".
Iso si, avisa, o goberno municipal seguirá avanzando nun modelo urbano "que está a ser exitoso e recoñecido internacionalmente" e onde ve diferenzas "notorias e diverxentes" cos demais partidos "que queren ir contra a liña de flotación deste modelo", cando a maior parte dos pontevedreses, insiste, "están encantados con esta cidade".
O alcalde analiza ademais nesta entrevista o modelo polo que apostará o goberno municipal co seu plan de compostaxe, para o que confía nunha participación "activa" dos pontevedreses e que esperan ter en marcha "completamente" antes de final de mandato; ou a ampliación de Montecelo, "unha vitoria da sociedade pontevedresa", ao renunciar a Xunta a Monte Carrasco, "e unha constatación de que en realidade non querían facer nada".
Con respecto a Ence, Lores afirma que "cada vez estou máis convencido" de que a prórroga outorgada polo goberno en funcións de Mariano Rajoy é o peor que lle pasou a Pontevedra nos 17 anos de mandato do BNG. "A maior parte da contaminación da ría é culpa de Ence e Elnosa", reitera o rexedor da capital, "e iso desde vos concellos non ou podemos resolver".
Aínda que tamén entoa o 'mea culpa', ao recoñecer que o saneamento das redes municipais "non está ao 100%", Lores afirma que a súa única frustración como alcalde sería "non sanear a ría". Terá tempo, iso si, porque non pon data á súa retirada política. "Para as próximas eleccións, aínda queda moito tempo", conclúe.