Operarios do Xoán XXIII comezarán os traballos de roza polo Monte do Taco e Ponte Muíños
Por Redacción
No monte Taco, na foz do Gafos, a partir deste luns 13 de xuño e no barrio de Ponte Muíños, en Lourizán, a partir do mércores 15 de xuño, faranse os primeiros traballos ao abeiro do contrato de colaboración asinado polo Concello de Pontevedra coa Asociación Xoán XXIII para a realización de rozas e tarefas de mantemento e mellora en distintos puntos do municipio.
Os traballos desenvolveranse nos distintos núcleos de centralidade parroquial do rural pontevedrés durante o verán.
No caso de Ponte Muíños os traballos de limpeza, roza, e outros pequenos arranxos, comezarán pola zona lateral ó complexo deportivo das piscinas, o estacionamento detrás do antigo colexio, os noiros e vías de acceso para continuar polo resto da parroquia.
Alba, Campañó, Cerponzóns e Lérez serán as seguintes parroquias onde traballarán os operarios da Fundación Xoán XXIII Discapacidade e Emprego que xa teñen asignadas tarefas.
En Alba actuarán ao redor do centro cultural Reariz, parque infantil e contorna. En Campañó na zona do centro cultural (fronte ao Campaniola), parque infantil e contorna; na Igrexa, cemiterio e o aparcamento; no centro cultural Campañó e praza Cabaleiro; no centro cultural Sabarís e carballeira de Sabarís e no parque Corredoira. No caso de Cerponzóns repasarán a área recreativa de A Ermida. Respecto a Lérez centraranse na área recreativa xunto a fonte da Ferreira; no Mosteiro e contorna e os accesos até o río Lérez e o acceso ao colexio.
O calendario irá completándose coordinado polo Concello e a Fundación Xoán XXIII que ten como obxectivo a integración laboral e social das persoas con discapacidade intelectual.