Anedia solicitará que o Sergas asuma un novo sistema para medicións glicémicas
Por Redacción
A Asociación de nenos con diabete de Galicia presentou este domingo en Pontevedra o sistema de monitorización flash de glicemia, aceptado xa en España para o uso pediátrico, en maiores de 4 anos. Un representante dos laboratorios Abbot foi o encargado de explicar o novo método durante unhas xornadas organizadas por Anedia e celebradas no Liceo Casino da capital.
Trátase dun sistema que permite realizar controis de glicemia sen a necesidade de picarse varias veces ao día. Un sensor do tamaño dunha moeda de dous euros, pegado nun brazo, transmite a unha máquina máis pequena que un móbil os niveis de azucre en sangue, simplemente con pasala por riba.
Representa un avance moi significativo, especialmente no caso dos rapaces con diabete, xa que reduce significativamente as continuas picadas nos dedos para medir os niveis de azucre. Sen embargo, trátase dun método que non está costeado pola seguridade social e que supón un desembolso importante para as familias. Só os recambios custan máis de 120 euros ao mes. Por iso, os asistentes ás xornadas apoiaron a necesidade de formular á Xunta que asuma o custo deste método ou outros cunha filosofía similar, que mellorarían notablemente a vida diaria dos cativos.
Nestas xornadas, tamén se incidíu na importancia que ten unha boa alimentación para controlar a diabete. Neste sentido, a nutricionista do Hospital Marcide de Ferrol, Cristina Porca, explicou a importancia de ler e entender as etiquetas dos alimentos á hora de facer a compra. O principal obxectivo é evitar productos con exceso de azucres e de graxas, se ben esta profesional puxo de manifesto que non é nada fácil tendo en conta que a etiquetaxe é moitas veces enganosa ou cando menos confusa.
Por outra parte, Angeles Cons Estévez, enfermeira educadora en diabete do CHOP, incidiu nas técnicas axeitadas para a correcta administración da insulina, para evitar que os nenos sufran hipo e hiperglicemias.
Estas xornadas contaron tamén coa presenza da xefa territorial de Sanidade en Pontevedra, Angeles Feijóo Montenegro e coa concelleira pontevedresa, Carmen Fouces. Ambas incidiron na necesidade de que as administraciones, cada unha nas súas competencias, traballen para facilitar a vida ás persoas con diabete, especialmente a os menores.