Os traballadores do Parque de Maquinaria marchan ata Vigo para forzar a negociación
Por Redacción
Os traballadores do Parque de Maquinaria da Deputación levarán a cabo unha marcha a pé, se a Dirección Xeral de Tráfico a autoriza, desde a institución provincial ata o edificio do Concello de Vigo durante este sábado 18 para demandar a negociación cos principais responsables provinciais que sirva para aclarar o futuro do persoal deste servizo e que se estableza un plan organizativo para as intervencións destes traballadores.
José Ramón Piñeiro e José Luis García Pedrosa, representantes de CC.OO. en Pontevedra, presentaron esta mobilización anunciando que se están distribuíndo 5.000 carteis nos que se denuncia a privatización que, segundo indican, está a levar a cabo o goberno provincial. Nesa cartelería denúncianse tamén os soldos que cobran tanto a presidenta da Deputación polo seu cargo e como tenenta de alcalde de Vigo, con 85.000 euros anuais, como o vicepresidente César Mosquera, cuns ingresos que ascenden a 90.000 euros, nos que se inclúe o diñeiro procedente do seu cargo como concelleiro na corporación de Pontevedra.
Segundo manifestou José Ramón Piñeiro, o vicepresidente provincial non pode atacar aos traballadores chamándoos corruptos cando, segundo afirma, o nacionalista ten un salario superior ao do presidente do Goberno.
Piñeiro critica a actual xestión do parque que, segundo manifesta, causa máis prexuízos económicos á institución provincial xa que entende que na actualidade non resulta operativo e afirma que a maleza está a aparecer nas estradas provinciais do mesmo xeito que as fochancas sen que se acometan as reparacións. Ante esta situación, o dirixente de Comisións Obreiras entende que o actual goberno provincial tenta demostrar que o Parque de Maquinaria non é rendible para, a continuación, xustificar a súa supresión. Por este motivo, os dirixentes sindicais anuncian que van elaborar un informe no que se demostre que a actual organización resulta menos económica que a existente ata a entrada do goberno bipartito.
José Luis García Pedrosa afirma que detrás deste conflito está a tentarse, por parte dos dirixentes políticos, forzar un pulso coa maioría sindical que o sindicato CC.OO. ten na Deputación. E neste sentido, apuntan que cada vez que os traballadores diminúen a presión para tentar facilitar a negociación, o equipo de goberno volve a "criminalizar" ao persoal. Volven retar a Mosquera e tamén a Carmela Silva a manter un debate público sobre este conflito.
Desde o sindicato móstranse preocupados porque ninguén lles confirma en que lugar se situará o Parque de Maquinaria no momento en que teña que abandonar a súa actual localización na Xunqueira de Alba. A cesión dos terreos por parte do Ministerio de Medio Ambiente finaliza en 2018.
Relacionadas:
-
100 euros de multa para García Pedrosa, de CC.OO., por incumprir normas viarias na marcha do Parque de Maquinaria
Por Redacción |
-
Último chamamento á cordura
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Traballadores do Parque de Maquinaria alertan de que as vías provinciais están en mal estado pola "torpeza" da Deputación
Por Natalia Puga |
-
Os traballadores do Parque de Maquinaria e o goberno da Deputación encérellanse por uns carteis
Por Redacción |
-
O PP pídelle a Carmela Silva que remita os informes á Xunta para a xestión directa dos parques de Bombeiros
Por Anxo Lourido |
-
Os traballadores do Parque de Maquinaria queren un debate público con Mosquera
Por Oskar Viéitez |
-
Os funcionarios do Parque de Maquinaria boicotean o Pleno da Deputación
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |