Os furanchos pontevedreses abrirán tres meses entre marzo e xuño e só poderán servir cinco tapas
Por Alejandro Espiño
A ordenanza reguladora da actividade de furanchos e loureiros de Pontevedra sairá adiante co consenso de todas as forzas políticas da corporación municipal. Despois de consensuala cos furancheiros, a Comisión de Urbanismo aprobou un documento que, tras a entrada en vigor do decreto aprobado pola Xunta a finales do ano pasado, converterá a Pontevedra na primeira cidade galega que regula a actividade destes establecementos.
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, destacou que a nova ordenanza é un texto sinxelo que delimita con claridade que se considera como furancho e o ámbito da súa actividade. Un texto que apunta, en consonancia coa Lei de Turismo galega, os límites das prácticas que poden dar lugar ao intrusismo profesional co resto dos negocios do eido da hostalería.
O prazo da temporada de actividade será dende o 1 de marzo ao 31 xuño. Cada local poderá abrir un máximo de tres meses. Inclúese tamén un listado conxunto de tapas que se servirán nos furanchos (táboa de embutidos-queixos, orella-chourizos, zorza-raxo, tortilla de patacas e empanada/empanadillas). O horario será de 17.00 a 00.00 horas de luns a venres e de 12.00 a 01.00 horas en fins de semana e vésperas de festivo.
Créase ademais o Rexistro Municipal de Furanchos de Pontevedra, no que os establecementos furancheiros terán que inscribirse obrigatoriamente para obter o permiso de actividade, que será concedida pola Xunta de Goberno Local de Pontevedra unha vez analizada a declaración responsable e toda a documentación presentada polo solicitante.
Os establecementos furancheiros, que só se permitirán nas zonas rurais de Pontevedra, terán ademais prohibida a sinalización do furancho a través de calquera panel ou indicativo que non sexa unha folla de loureiro, tal e como establece a normativa. O viño que se venda terá que ser colleitado no término municipal de Pontevedra ou na súa bisbarra.
Coa nova ordenanza nace tamén o distintivo "Furanchos de Pontevedra", que servirá para garantir ao cliente a legalidade dos furanchos e o seu control de calidade. O distintivo, que terá que estar sempre colocado en lugar visible do establecemento, será a garantía legal de actividade e terá obrigatoriamente que ser renovado anualmente.
Ademais, a nova ordenanza obriga aos establecementos furancheiros a regularizar a súa actividade e adaptala á lexislación vixente en materia urbanística, de prevención de riscos e sanitaria, así como ás normativas sectoriais galegas. Á parte, o establecemento deberá dispor dunha póliza de responsabilidade civil que garanta os posibles danos ou problemas derivados da súa actividade ata un importe de 90.000 euros.
Antón Louro ten intención de levar a ordenanza ao Pleno deste mes con obxecto de proceder á súa aprobación inicial. A partir de aí exporase ao público durante un mes e, trala resolución das alegacións, volverá ao Pleno para a súa aprobación definitiva. Entrará en vigor unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia. O tenente de alcalde agarda que o proceso estea rematado esta primavera ou a principios do verán. Ata entón, os furanchos deberán rexirse pola normativa autonómica.
Relacionadas:
-
Comeza a tempada de furanchos en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Os pementos de Padrón "vencen" á empanada e serviranse nos furanchos locais
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra será dos primeiros concellos en adaptar a normativa dos furanchos
Por Oskar Viéitez |
-
Furanchos, só cinco tapas e acabouse cobrar a ollo
Por Oskar Viéitez |