O goberno local márcase prazos para a reforma das piscinas de Campolongo
Por Redacción
O anterior concurso de adxudicación para a explotación das piscinas de Campolongo co complexo deportivo da Parda quedou deserto. Ante esta situación, o goberno local de Pontevedra decidiu acelerar o estudo da reforma das instalacións, nesta ocasión só das piscinas de Campolongo, e, a través dunha Xunta de Goberno extraordinaria celebrada este mércores, ínstase a todas as administracións a que aceleren o proceso para que se facilite a tramitación e se poidan levar a cabo estes traballos relacionados coa adxudicación do contrato de explotación.
O estudo de viabilidade establece unha hipótese de explotación por unha cifra superior aos 3.857.000 euros. Desa cantidade, ao redor de 3.600.000 euros destinaríanse á reforma das instalacións mentres que o resto serían para equipamentos deportivos.
Entre os traballos que terían que realizarse contémplase a ampliación e reforma do soto coa eliminación das salas existentes e a sala de squash para crear un espazo para fitness e tres salas de actividades no sotos e unha máis na planta de acceso.
Este plan contempla a renovación dos equipos de climatización, calefacción e depuración das instalacións actuais, ademais de realizar o saneamento do forxado do teito, que se corresponde coa pista polideportiva existente. Ademais de renovar os vasos das piscinas e a cuberta existente na zona da piscina polivalente e da piscina de recreo.
Tamén é necesario que a empresa adxudicataria cumpra coa normativa de accesibilidade para persoas con discapacidade coa instalación dun ascensor onde se localizan as pistas deportivas, segundo recóllese no escrito.
A concesión da xestión do servizo sería por 40 anos de duración, segundo a hipótese de partida cunha duración das obras de seis meses. O Concello calcula que o potencial de usuarios destas instalacións, a medio prazo, superaría os 8.000 usuarios, cunha estimación para o terceiro ano de explotación dunha media de 3.200 abonados pagadores con cota.
Nese sentido manteríanse as cotas actuais, que se sitúan ao redor dos 33 euros mensuais por persoa, con abonos familiares de 45 euros. A empresa que se fixese cargo da xestión non tería que pagar un canon ao Concello.
Raimundo González, portavoz do goberno local, sinala que se todos os procedementos se levasen a cabo seguindo os prazos habituais, a adxudicación realizaríase a principios de 2017. O goberno de Fernández Lores está pendente de asinar a prórroga do actual contrato, que vence o 30 de xuño.
Relacionadas:
-
O plan de viabilidade para as piscinas de Campolongo contempla 3,8 millóns de euros para a súa reforma
Por Redacción |
-
Nova prórroga para a concesión das piscinas de Campolongo
Por Redacción |
-
O PP insta o goberno municipal a revisar o plan de viabilidade das piscinas de Campolongo
Por Alejandro Espiño |
-
O concurso das piscinas de Campolongo non se adxudicará antes de 2017
Por Oskar Viéitez |
-
Serviocio nega que a situación das piscinas de Campolongo sexa "alarmante" como denuncia o PP
Por Oskar Viéitez |