Mil pombas menos e 170 niños de gaivota retirados nun ano de control de ambas as especies en Marín
Por Redacción
A campaña de control de gaivotas e pombas comúns realizada polo Concello de Marín encara xa o seu segundo ano cun balance positivo do seu primeiro ano de actividade. Segundo o balance facilitado este xoves pola empresa Larus Control, permitiu reducir a poboación de pombas en máis de 1.000 exemplares e retirar 170 niños de gaivotas.
A campaña pretende realizar medidas de control das dúas especies porque están a causar problemas en Marín e, tras un primeiro ano de control poboacional da pomba común, pasouse dun censo de 1.600 pombas a 700, co que a empresa responsable do servizo valora que "se conseguiu chegar a unhas cifras asumibles para as zonas de retirada de exemplares" dentro do centro urbano de Marín. De todos os xeitos, renovouse o servizo para conseguir reducir máis a poboación.
En canto ao servizo de control poboacional da gaivota patiamarela, conseguíronse unhas cifras no primeiro ano de servizo superiores ás previsións debido, en gran medida, á gran colaboración cidadá. Así, visitáronse 159 tellados, retiráronse 193 ovos e 67 pitos de 170 niños.
O Concello tamén tomou unha serie de medidas para facilitar a redución destas dúas especies, tales como a retirada de lixos do exterior do mercado e a informacion a propietarios de edificios en mal estado con pombais incontrolados para que se tomen as medidas oportunas.
O inicio do novo servizo de control poboacional da pomba común iniciouse no mes de marzo, unha vez terminado o primeiro ano de control poboacional, continuando cos traballos de retirada de exemplares con resultados satisfactorios. O servizo de control poboacional da gaivota patiamarela iniciouse no mes de maio, tendo de novo unha gran acollida polos veciños de Marín, cun total de 48 reclamacións ata o momento e a previsión de seguir activo ata o mes de agosto.
Todos os veciños que desexen que os seus tellados sexan inspeccionados poden poñerse en contacto coa empresa Larus Control a través do seguinte correo electrónico: laruscontrol@hotmail.com.