O goberno da Deputación leva ao Pleno a aprobación dun novo regulamento
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer este venres que o goberno da institución levará ó pleno a aprobación dun novo regulamento, dado que o que rexe o funcionamento interno da corporación nestes momentos foi aprobado en 1990 e non se adaptou "nin á lexislación vixente e á realidade social".
O novo regulamento ten por obxectivo, en palabras de Silva, "impulsar unha actividade máis democrática". Contará con catro títulos, 56 artigos, unha disposición adicional única que aborda o desenvolvemento das sesións constitutivas, unha disposición derrogatoria que garante a seguridade xurídica e unha disposición final.
Entre as principais novidades destacan a obriga de asistir ás sesións de órganos colexiados das que os deputados formen parte, incluíndo a posibilidade de sancións de ata 300 euros ós que non asistan; a prohibición de emprego dos medios e condición de deputados para actividades mercantís, profesionais ou análogas ou a protección de datos e a confidencialidade da información á que teñen acceso.
Ademáis regula o rexistro de intereses dos deputados así como a publicación das declaracións de bens no portal de transparencia da Deputación. Cuestións, todas elas que no anterior non estaban regulamentadas.
FUNCIONAMENTO DOS PLENOS
Por vez primeira se regulan os medios mínimos para os grupos políticos, tanto no relativo ós recursos humanos como ós técnicos, que ata o de agora estaban ó libre arbitrio da presidencia.
Tamén inclúe o novo regulamento a implantación de medios para a retransmisión en directo dos plenos, a posta en funcionamento dun sistema de asistencia virtual no caso de baixa por maternidade, paternidade ou enfermidade e que a cidadanía poida expresar, de forma regulada e non por dádiva da presidencia, cuestións do seu interese ante a corporación mediante dúas intervencións de 5 minutos cada una antes de cada pleno.
Por vez primeira regúlanse tamén os tempos de intervención nos plenos, anteriormente baixo o criterio do presidente. Amais, inclúese no novo regulamento a posibilidade de prohibir o acceso ó pleno por tres meses ó público que altere a súa orde así se engaden medios de fiscalización da actuación dos órganos do goberno, ben requerindo a súa comparecencia para responder a preguntas sobre a súa xestión ou celebrando un pleno extraordinario para debater a súa xestión.
Relacionadas:
-
O "raca, raca, raca" da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os funcionarios do Parque de Maquinaria boicotean o Pleno da Deputación
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
A Valedora do Pobo lembra ao PP que a lei dá a razón a Carmela Silva na súa regulación dos plenos
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O PP abandona o pleno da Deputación en desacordo co "ditatorial" sistema de control da sesión
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada