Reclaman que Restauración se adscriba á Universidade como está a suceder en Madrid
Por Anxo Lourido
A Plataforma pola Integración das Ensinanzas Artísticas na Universidade denunciou hoxe a diferenza de trato por parte de gobernos do Partido Popular á situación destes ensinos entre as que se atopan as impartidas na Escola de Restauración e Conservación de Pontevedra. Segundo expuxeron, nas últimas semanas a Comunidad de Madrid confirmou a integración destas disciplinas na Universidade, algo que levan demandando en Galicia desde 2012 sen obter apoio por parte da Consellería de Educación.
Fernando Carrera, representante da Plataforma e profesor na Escola de Restauración, denuncia os distintos criterios que mantén o Partido Popular en dúas comunidades autonómas gobernadas por eles. Por este motivo, os sindicatos CIG-Ensino, CC.OO., UXT e STEG trasladaron aos reperesentantes da Consellería na mesa sectorial este diferente tratamento. Con todo, desde a Xunta só se alega que mentres non se produza un cambio normativo, a Escola de Restauración continuará dependendo da administración autonómica. Por iso, os representantes da Plataforma pregúntanse: "será que en Madrid van ter o Grao Universitario, como propoñiamos, e os galegos non?"
Esta situación provoca que estudantes e profesores reclamen a lexitimidade do título actual dos ensinos artísticos, que no estranxeiro non alcanza a categoría de grao e impide acceder a bolsas. Por este motivo, desde a Plataforma seguen reclamando a adscrición que constitúa un paso previo á integración da Universida e anuncian que continuarán levando a cabo actos de protesta.