O PP insta o goberno municipal a revisar o plan de viabilidade das piscinas de Campolongo
Por Alejandro Espiño
No plan de viabilidade redactado para as piscinas de Campolongo hai "errores de bulto", segundo o Partido Popular, que deberían obrigar ao goberno municipal a revisar o documento antes de que sexa aprobado a próxima semana na xunta reitora do IMD.
César Abal foi o edil que alertou destes erros nun plan de viabilidade co que, segundo a súa opinión, "hemos tirado otro año a la basura", xa que considera "inadmisible" que se tardara un ano en completar este documento cando "se puede hacer en una semana".
Esta "lentitud exasperante" do BNG provoca que se teña que aprobar a "octava prórroga iregular" do contrato con Serviocio para evitar que estas instalacións deportivas teñan que pechar o próximo 1 de xullo.
"No se trata de poner atrancos", asegurou o concelleiro popular, que reiterou que o seu partido quere que se aprobe o novo contrato "cuanto antes". Pero advertiu que se o Concello non refai este plan de viabilidade "presentaremos alegaciones" na fase de exposición pública, algo que atrasaría aínda máis a tramitación.
Entre os erros detectados, Abal citou que os prezos se estimaron en base a un IPC ao 2%, pero na proxección económica fano ao 1%; que hai un incremento "injustificado" do número de abonados ata os 4.000; ou que a partida para equipamentos é a mesma que cando se licitaba conxuntamente co centro lúdico da Parda.
Ademais, os populares advirten dos salarios "irrisorios" que se contemplan para os traballadores das piscinas, onde os coordinadores deportivos gañarían menos de 15.000 euros brutos ao ano.
O concelleiro do PP lamentou que tampouco se recollesen as suxestións achegadas polos populares, que incluían entre outras cuestións, a colocación dunha pequena bancada nas piscinas, instalacións para clubs deportivos e empregados ou que a cafetería puidese funcionar de forma independente ás piscinas, aproveitando a terraza cara a Praza da Constitución.
Relacionadas:
-
O PP detecta tres erros no Plan de Viabilidade de Campolongo e presenta alegacións
Por Redacción |
-
O plan de viabilidade para as piscinas de Campolongo contempla 3,8 millóns de euros para a súa reforma
Por Redacción |
-
Nova prórroga para a concesión das piscinas de Campolongo
Por Redacción |
-
O goberno local márcase prazos para a reforma das piscinas de Campolongo
Por Redacción |
-
O concurso das piscinas de Campolongo non se adxudicará antes de 2017
Por Oskar Viéitez |