A xornada de reflexión en Pontevedra, en imaxes
Por Alejandro Espiño
En apenas unhas horas os pontevedreses estamos chamados de novo ás urnas. Este 26 de xuño deberemos escoller aos nosos representantes no Congreso e no Senado, tras quince días de intensa campaña electoral.
Nestas dúas semanas Pontevedra converteuse nun dos epicentros da actividade política, ao identificar os partidos a esta provincia como unha das que poderían ver variado a repartición de deputados con respecto ao 20-D.
Por iso, non é de estrañar que nesta xornada de reflexión previa ás eleccións, os candidatos optasen por pasar un día tranquilo, en compañía de amigos e familiares.
Iso si, como marca a tradición, había que deixarse ver. E este sábado puidemos comprobar como ademais dos comicios tamén se repiten os costumes. Os nosos candidatos, polo menos os que seguen con respecto a decembro, imitaron en gran medida a súa estratexia para esta xornada de reflexión.
Así, Ana Pastor quixo rodearse dos seus compañeiros de partido. A candidata do PP, acompañada entre outros polo presidente dos populares pontevedreses, Alfonso Rueda, protagonizou un paseo polo centro da cidade e tomou un aperitivo na terraza da cafetería Carabela, na Praza da Estrela.
#JornadaDeReflexion en #Pontevedra @anapastorjulian @ARueda68 @JacoboMoreiraFe @Jorge_Cubela @pontevedrapp pic.twitter.com/e3bTSgVpmG
— PP Pontevedra Local (@PP_Pontevedra) 25 de junio de 2016
Pola súa banda, o candidato de BNG-Nós, Luís Bará, aproveitou a xornada de reflexión para pasar un tempo coa súa familia na súa Vilaboa natal, onde se celebran as festas de San Xoán de Paredes. Alí, deu un paseo pola enseada de San Simón e as salinas de Vilaboa. Unha vez xa na casa, logo de aproveitar o día e o bo tempo, tiña pensado ler e ver algunha serie.
A intención do candidato era coller forzas para o domingo, que agarda que sexa un día de votación "tranquilo" no que realizará unha visita por boa parte das mesas electorais da cidade de Pontevedra e outras localidades para saudar aos seus integrantes.
Máis cotiá foi a xornada de María Rey, candidata de Cidadáns pola provincia de Pontevedra. Segundo sinalaron desde o propio partido, a edil pontevedresa dedicou este sábado a labores domésticos como "poñer ao día o ferro e poñer lavadoras e secadoras", antes de gozar dun agradable día de praia coa súa familia.
Lonxe de Pontevedra pasaron o día a candidata do PSdeG-PSOE, Dolores Galovart, que gozou da xornada de reflexión en compañía da súa familia en Aldán (Cangas); e Alexandra Fernández, cabeza de lista de En Marea, que optou por descansar en casa, mentres que as súas compañeiras Ángela Rodríguez e Vanessa Angustia tiñan previsto acudir á manifestación LGTBI de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Eleccións 26-X: O PP repite vitoria en Pontevedra; En Marea e PSOE terán dous deputados cada un
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Eleccións 26-X: Normalidade nos colexios de Pontevedra e maior participación que o pasado 20-D
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado | Creada e actualizada
-
Eleccións 26-X: Os candidatos chaman á participación nesta "importante" cita coas urnas
Por Alejandro Espiño |
-
Rajoy 'reconcíliase' con Pontevedra e goza dun paseo tranquilo pola cidade
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Baño de masas en Pontevedra dun Pedro Sánchez que improvisa un mitin en plena rúa
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Rajoy, Sánchez, Iglesias, Rivera e Garzón, canto pagas pola única camiseta asinada por todos eles?
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |