Inician dúas obras de accesibilidade e seguridade viaria en Alcalde Hevia e Ángel Amor Ruibal
Por Redacción
A próxima semana comezarán dúas novas obras na cidade. Trátase de actuacións en materia de accesibilidade e seguridade viaria no cruzamento das rúas Fernández Ladreda con Alcade Hevia e tamén na rúa Ángel Amor Ruibal, no barrio do Castañal.
Na primeira das obras está prevista a ampliación de beirarrúas na rúa Alcalde Hevia no seu entronque coa rúa Fernández Ladreda para mellorar a seguridade viaria no paso de peóns que une as dúas partes do parque do Gafos.
Para iso ampliarase a beirarrúa dende Fernández Ladreda na marxe esquerda da circulación -cara Alcalde Hevia- e outro pequeno tramo na marxe dereita.
O custe desta actuación é de 28.276 euros e será executada pola empresa Ediserpo.
Na rúa Ángel Amor Ruibal está prevista unha actuación máis grande cun investimento de 60.495 euros e será executada pola empresa E.C. Casas.
Trátase da mellora da accesibilidade, seguridade viaria e mobilidade na rúa dende a praza das Regas ata o entronque coa rúa das Fragas.
Está prevista a rehabilitación integral do firme de toda a rúa, a instalación dun paso de peóns elevado no cruzamento coa rúa da Seca, así como a construción e reforma de beirarrúas en distintos puntos do trazado. Tamén se aproveitará un sobreancho para a creación dunha zona de estacionamento, que agora xa funciona como tal e está en malas condicións.
Está previsto que nesta semana comecen os traballos previos para acometer esta obra e as actuacións físicas empezarán na vindeira.