Barcelos contará con dúas pistas polideportivas con porterías e canastras
Por Redacción
A reforma da contorna da praza de Barcelos completarase coa instalación de dúas pistas polideportivas que, segundo anunciaba na mañá deste martes o concelleiro de Obras, Luís Bará, contarán con porterías, dúas canastras, unha mesa de ping pong para xogar co pé e outros elementos para o goce dos máis novos, cunha fonte, seis bancos e dúas papeleiras. As pistas contarán cunhas medidas de 20x9 metros cadrados cun orzamento que supera os 60.000 euros.
O concelleiro sinalou que agora manterán unha xuntanza coa comunidade escolar do colexio Barcelos para comprobar se esta proposta responde á súa demanda. Foran os escolares do centro educativo os que realizaran a petición ao Concello a partir de que se acometese a semi peonalización da zona. A proposta é instalar estes espazos recreativos e deportivos nas inmediacións ao muro de Santa Clara unha vez que conten co visto e prace dos responsables da comunidade escolar.
ACOUGADO DE TRÁFICO
O concelleiro tamén apuntou que se van a executar varias obras de acougado de tráfico nas rúas Loureiro Crespo, Ernesto Caballero e Forcarei. Luís Bará indicou que entre a rúa 12 de novembro e a avenida de Lugo instalarase un paso elevado na zona da rúa Forcarei e un reductor de velocidade, coñecido como lombo de asno, nas proximidades ao paso de peóns do antigo edificio do asilo.
Ao mesmo tempo mellorarase a pavimentación da zona e a accesibilidade das beirarrúas. Toda esta obra contará cun orzamento de 51.800 euros.
Tamén está previsto realizar obras de mellora do pavimento na rúa da Barca, debido á presenza de fochancas nos espazos con arquetas. Eses espazos melloraranse ao longo das próximas semanas.
Por outra banda, xa se iniciaron as obras en José Millán que se verán completadas, ao longo do mes de xullo, coas de Javier Puig. Estes traballos teñen un prazo de execución de ao redor de catro meses e esperarase a outubro para realizar os cambios do sentido de tráfico nesta zona. O concelleiro apuntou que se manterá unha reunión cos veciños da zona.
Por último, Bará engadiu que a ampliación do Hospital Montecelo leva aparellada unha menor intervención nas melloras previstas polo Concello nos accesos ao centro hospitalario. Desta forma, indicou que se manterán os pasos elevados desde a estrada de Ponte Caldelas ata o Pavillón de Deportes da Cidade infantil Príncipe Felipe, con creación de beirarrúas e mellora de accesibilidade. Non está previsto que se actúe na subida a Montecelo desde a rotonda de Mourente na avenida de Lugo.
Relacionadas:
-
A ampliación do parque infantil de Barcelos, pendente dunha visita técnica
Por Alejandro Espiño |
-
Acordo para utilizar o espazo peonalizado en Barcelos como patio do colexio
Por Alejandro Espiño |
-
Empezan a instalar as novas pistas deportivas de Barcelos
Por Redacción |
-
Os cambios en Barcelos reducen nun 61% o tráfico en todo este ámbito urbano
Por Redacción |
-
A comunidade escolar de Barcelos fai novas achegas para a reforma da praza
Por Redacción & Mónica Patxot |