CC.OO. amosa o mal estado das estradas provinciais deterioradas e con maleza
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O vindeiro venres 8, coincidindo coa festividade de San Cristovo, patrón dos condutores, os traballadores do Parque de Maquinaria protagonizarán unha caravana a partir das 14.00 horas. É unha protesta máis desde que se iniciou o conflito co equipo de goberno da Deputación. O venres sairán ás 14.00 horas das marismas de Alba para realizar un percorrido por Corbaceiras, Reina Vitoria, Eduardo Pondal ata finalizar na estación de trens.
José Ramón Piñeiro e José Luis García Pedrosa, responsables de Comisións Obreiras, apuntaron este luns 4 que se non existe negociación, o conflito continuará. Ambos os dirixentes mostraron fotografías do mal estado en que se atopan diferentes vías de titularidade da Deputación de Pontevedra. Nelas obsérvase a proliferación de maleza, as irregularidades nos pavimentos e tamén a falta de pintado nestas estradas provinciais.
Desde o sindicato sinalan que esta situación débese á mala distribución do traballo por parte do equipo de goberno e alertan do perigo de accidentabilidade que se deriva deste abandono. Denuncian que agora, desde o goberno da Deputación, piden aos traballadores do Parque de Maquinaria que realicen horas extra para mellorar o estado dos viarios. Unha petición que non están dispostos a aceptar, segundo José Ramón Piñeiro, porque o persoal reclama dispoñibilidade, igual que sucede con outros traballadores da institución provincial.
O sindicato volveu a denunciar a desaparición dos carteis reivindicativos que instalaron durante os últimos días. "Se non se poden expresar as opinións dos traballadores, imos apañados", indicou José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO. Por este motivo, aseguran que van imprimir outros 5.000 carteis máis para levar a cabo outra campaña en rúas de toda a provincia. Piñeiro e Pedrosa culpan tanto ao PSOE como ao BNG de que non se resolva este conflito. "Son tan culpables uns coma os outros", apuntou Piñeiro.
Relacionadas:
-
O conflito laboral do Parque de Maquinaria trasládase á praza do Obradoiro
Por Redacción |
-
CC.OO. denuncia que as máquinas de limpeza das praias da Deputación están paradas
Por Anxo Lourido |
-
Os traballadores do Parque de Maquinaria protestan ao volante aproveitando San Cristovo
Por Mónica Patxot |
-
Os traballadores do Parque de Maquinaria esixen unha mellora salarial
Por Oskar Viéitez |
-
Traballadores do Parque de Maquinaria alertan de que as vías provinciais están en mal estado pola "torpeza" da Deputación
Por Natalia Puga |