VIDEO.- Así é o fondo da Ría de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A ría de Pontevedra é unha das máis belas de Galicia. Diso non hai dúbida. Afeitos estamos a vela desde a costa ou a navegar sobre ela se temos a ocasión. Pero, que hai dentro dela? A esa pregunta dá resposta o pontevedrés Pedro Alonso que, grazas á súa afección polo submarinismo, gravou un vídeo que recolle como é o fondo da nosa ría.
O vídeo, que foi publicado na súa canle persoal na plataforma YouTube, foi gravado o pasado luns 4 de xullo, entre as dez e as doce de mañá, na zona do faro de Morrazán, situada entre os concellos de Sanxenxo e Bueu.
Este traballo non forma parte de ningún proxecto profesional.
Durante máis de catro minutos, Pedro Alonso mostra a vida mariña na ría de Pontevedra tras descender a unha profundidade media de 22 metros e soportar as baixas temperaturas do fondo, apenas trece graos.
O vídeo, segundo destaca o seu autor, está montado no mesmo orde no que transcorreu a xornada de mergullo.
Alonso, experto submarinista, lamenta o cambio que están a sufrir as Rías Baixas coa desaparición dos bosques de algas pardas e posidoneas, auténtica fonte de vida no mar, algo que tamén está a ocorrer na ría pontevedresa.