Unha muller morta e cinco feridos nun accidente frontal entre dous turismos en Caldas
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha condutora de 51 anos falecía e outras cinco persoas resultaban feridas na recta de Godos no termo municipal de Caldas, na Nacional 640 á altura do punto quilométrico 229, despois de que dous turismos impactasen cando circulaban por esa estrada durante a tarde deste venres ao redor das 16.00 horas.
No sinistro víronse implicados dous turismos, un Lada Niva e un Citroën Xsara, resultando falecida a condutora deste último, unha muller veciña de Caldas que residía a escasos metros do lugar no que se producíu o accidente.
Segundo informaba o servizo de Emerxencias do 112, os primeiros indicios apuntan a que o accidente se rexistraba por un impacto frontal. Os dous condutores dos turismos tiveron que ser excarcerados polos Bombeiros do Parque do Salnés, un deles xa falecido no acto. Un dos vehículos ía ocupado por cinco persoas mentres que no outro só circulaba o condutor.
A condutora do turismo ocupado por cinco persoas resultou morta e o condutor do outro turismo foi trasladado por un helicóptero do 061 da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia a un centro hospitalario de Santiago de Compostela. O resto de feridos foron derivados en ambulancia ao Hospital do Salnés.
Varios particulares foron os que alertaron ao 112 ante a magnitude do impacto. Tamén se trasladaron efectivos do Grupo de Emerxencias de Valga, Protección Civil de Caldas e axentes da Garda Civil de Tráfico.
O tramo da N-640 en Godos onde se produciu o acccidente mantívose cortado ao tráfico durante arredor de dúas horas, segundo informa Protección Civil de Caldas. A Garda Civil de Tráfico regulou a circulación con desvíos alternativos polas estradas PO-305 e PO-531.