A familia Supertramp pon rumbo á gran aventura viaxeira por Europa
Por Anxo Lourido
Chegou o sábado 9, a data fixada pola familia formada por Óscar Barreiro, Susana Míguez e os seus dous fillos Lucía e Darío, de seis e dous anos, para iniciar a súa viaxe por Europa ao longo dun ano. Son a familia Supertramp e enfróntanse a este reto difícil. Os seus vehículos de transporte son dous "trike" con remolque, uns triciclos adaptados polo propio Óscar Barreiro para enfrontarse a ao redor de 11.000 quilómetros.
Este sábado, acompañados por familiares, amigos do Cachibol e tamén polo concelleiro de Mobilidade, Luís Bará, a familia Supertramp partiu da Praza de España en dirección a Santiago seguindo o Camiño Portugués.
Óscar Barreiro mostrábase nervioso antes de partir afirmando que estaba a facer un repaso a todas as responsabilidades e ás situacións ás que se terán que enfrontar. "Sabemos que somos capaces de facelo. Xa temos pasado por outras situacións. Vémonos con gañas de saír", afirmaba antes de subir ao triciclo.
Nesta primeira xornada percorrerán ao redor de 30 quilómetros ata a capital galega por vías seglares. A partir de aí, a súa intención é utilizar as rutas ciclistas que percorren Europa, o EuroVelo. Óscar recoñece que necesitan facer o percorrido aproveitando as primeiras horas do día, sobre todo, ante as altas temperaturas destes días. "Os rapaces non poden estar ao sol", indica ao mesmo tempo que recoñece o seu medo a que os trikes e os remolques poidan chegar a fallar ao ter que meterse por camiños que non sempre estarán asfaltados e en boas condicións. Ademais de pedalear terán que ir buscando lugares nos que parar para descansar e durmir, limpar a roupa, preparar comida ou atopar persoas que lles axuden a compartir esta experiencia.
O itinerario levaralles por Francia, Italia, Albania, Grecia, Bulgaria para despois volver por Alemaña, Holanda e o centro de Europea. Todos aqueles que queiran seguir as súas andanzas poderán facelo a través do seu blogue (www.familiasupertramp.com) e da súa páxina de Facebook.
Relacionadas:
-
Transportar menores en bicicleta con remolque está prohibido en Pontevedra e o PSOE quere regulalo
Por María José Pita |
-
Marcharon hai máis de 6 meses a percorrer Europa. Onde está a Familia Supertramp?
Por Anxo Lourido |
-
Membros do Parlamento Europeo fan un treito do Camiño Portugués
Por Redacción |
-
Atreveríaste a dar a volta a Europa en bicicleta e coa túa familia?
Por Diego Espiño |