O IMD entra na súa recta final
Por Alejandro Espiño
A disolución do Instituto Municipal de Deportes (IMD) entra na súa fase definitiva. Tras a súa aprobación pola Xunta de Goberno , unha comisión de Réxime Interior tratará este asunto antes de que se traslade ao pleno de xullo, que se celebrará o día 18 no Teatro Principal.
Con este trámite, o goberno iniciará o proceso de disolución do IMD para axilizar toda a tramitación administrativa deste departamento do Concello e tamén poder reforzar o cadro de persoal asignado á Concellaría de Deportes, que na actualidade ten moitas carencias polo ritmo de competicións deportivas que se celebran na cidade.
O IMD constituíuse no ano 1996 como organismo autónomo asumindo todas as competencias de deportes do Concello. Aínda que durante moitos anos tivo un funcionamento eficaz, segundo o goberno municipal, na actualidade resulta máis eficiente realizar as xestións administrativas e deportivas a través das estruturas do propio Concello.
A memoria xustificativa da disolución do IMD asegura que non parece conveniente e necesario que se proceda a ampliar a estrutura do organismo autónomo porque iso esixiría contías elevadas, máis caras que se as presta o propio Concello.
Ademais, se o Concello de Pontevedra recupera plenamente as súas competencias deportivas, realmente estarase reducindo os custes de prestación dos servizos porque poderá aproveitar estruturas e recursos municipais que non suporán incremento do gasto público.
Tamén recorda a memoria que a participación do mundo de deporte pode canalizarse a través da participación en diversos órganos e a través de mecanismos de participación cidadá como o regulamento de participación cidadá que se está a modificar.
Dado que a extinción do organismo implica realizar unha serie de operacións administrativas de diversa índole considérase que a data idónea para a extinción dos organismo autónomo sexa a do peche de exercicio, é dicir, 31 de decembro de 2016.
Polo que se refire ao persoal laboral e funcionario que actualmente presta servizos no IMD, o Concello asumirá as obrigas propias do organismo sen que varíe a situación laboral dos empregados públicos, nin a natureza da súa relación co Concello.
Relacionadas:
-
O IMD deixa paso ao Servizo Municipal de Deportes
Por Redacción |
-
O Pleno de Pontevedra termina sen tratar todos os asuntos debido ao "cansazo" dos concelleiros
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
A corporación non descansará en agosto
Por Alejandro Espiño |
-
Cidadáns propón crear un Observatorio Municipal do Deporte
Por Redacción |
-
A renovación dos vogais do IMD, obxecto de 'celebración' para o PP
Por Redacción |
-
O IMD ten data de caducidade: disolverase a principios de 2017
Por Alejandro Espiño |