Tamén hai obras nas rúas Ernesto Caballero, Ramón Cabanillas, Amor Ruibal e Forcarei
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Concello de Pontevedra está a desenvolver obras de mellora de accesibilidade e seguridade viaria nas rúas Ernesto Caballero, Ramón Cabanillas, Amor Ruibal e Forcarei.
A reforma, cun orzamento aproximado de cen mil euros, inclúe a renovación dos pavimentos que se atopan moi deteriorados nestas rúas e a construción dun paso de peóns elevado na rúa Loureiro Crespo, na confluencia con estas rúas, xa que se revelou como un punto de especial perigo viario.
Nunha visita á zona o concelleiro de Mobilidade, Luís Bará, detallou que na rúas Ernesto Caballero e Ramón Cabanillas ampliarase en tamaño das beirarrúas.
Bará adiantou que nas próximas semanas citarase aos veciños desta zona para abordar a reforma da contorna do parque público da Praza das Regas. "Sabemos que hai demanda de arranxo dás zonas verdes", dixo Luís Bará.
TRATAMENTO EXPERIMENTAL DO APARCADOIRO DO PAVILLÓN
O Concello de Pontevedra iniciou tamén este mércores os labores de acondicionamento dos estacionamentos en superficie, de balde, situados nas parcelas de Costas fronte ao Pavillón de Deportes. Por este motivo, prohibíuse o estacionamento de vehículos nun dos espazos durante os días que duren os traballos na outra parte.
Bará informou que o tratamento destas dúas parcelas será con materiais acordes coa zona e coa calificación do terreo, propiedade de Costas. Ademais de facerse as achegas necesarias de xabre, tamén se compatará toda a superficie para tapar as fochancas que deixou o inverno.
Nesta ocasión empregarase de xeito experimental un material consolidante novo "para ver se conseguimos que dure máis a actuación e non temos que facela todos os anos", comentó Bará.
Tamén lembrou que o Concello non é propietario dos terreos, só ten unha cesión de uso para estacionamento, polo que pode acondicionalos unha vez ao ano cos materiais acordados con Costas. Por este motivo, faise este tratamento brando na época estival para que dure o maior tempo posible.
Estará rematado en dúas semanas polo que poderá estar operativo para as festas de Santiaguiño do Burgo.