O polígono comercial do Vao, pendente dun último informe da Xunta
Por Alejandro Espiño
O proxecto de ampliación do polígono do Vao (Campañó), cunha nova zona comercial entre a PO-531 e a AP-9, parece estar por fin na súa recta final de tramitación. Así o destacan desde o Concello, onde aseguran que os "atrancos" que foi sufrindo nos últimos anos "parece que xa están superados", segundo a concelleira de Urbanismo, Carme Da Silva.
Aínda que a edil do BNG non quixo poñer data aos últimos trámites, o certo é que o pleno da corporación municipal aprobará de forma provisional o vindeiro luns 18 de xullo a modificación puntual do PGOU que permitiría a súa construción.
Os promotores resolveron unha serie de cuestións que motivaran un primeiro informe desfavorable por parte da Xunta de Galicia, relacionadas entre outras coa integración paisaxística do polígono, a lexislación de Costas e as dotacións locais na superficie sobre a que se pretende construír.
Tras este modificado, tanto o Concello como os empresarios pontevedreses que impulsan este polígono confían en que a Xunta autorice este proxecto. A partir de aí, o pleno tería que aprobar definitivamente o seu desenvolvemento e os promotores poderían comezar a construílo.
MAREA VOTOU EN CONTRA
Na comisión de Urbanismo deste mércores todos os grupos votaron a favor desta modificación do plan urbanístico para facilitar a construción deste polígono comercial, salvo o portavoz de Marea Pontevedra, Luís Rei.
Luís Rei lembrou que en Pontevedra historicamente fíxose un uso "inadecuado" dunha serie de terreos situados na periferia e que "debían ser postos en valor como pulmón verde dá cidade" como a Xunqueira do Vao.
O edil de Marea reitera que este polígono está "mal situado" nunha zona que "debería ser rescatada" e mostrou a súa preocupación polo "castigo" que un ámbito comercial destas características pode provocar no pequeno e mediano comercio da cidade.