O Concello elaborará un plan para facer a Pontevedra máis accesible
Por Redacción
O Concello de Pontevedra celebrou este mércores a reunión da mesa sobre accesibilidade e comunicación á que asistiron representantes de entidades que traballan no ámbito da discapacidade sensorial e intelectual que forman parte deste proxecto: ONCE, Xuntos, Xoán XXIII, Xoga (persoas xordas) e Por dereito (autismo), xunto aos que estiveron o concelleiro de Mobilidade e Accesibilidade, Luís Bará e a concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces.
O obxectivo deste mesa é elaborar un plan de actuación plurianual (2016-2018) con medidas encamiñadas a eliminar as barreiras de acceso á información e á comunicación para persoas que teñen discapacidades sensoriais e cognitivas.
Para iso elaborarase un plan de actuación que está previsto que estea listo e comece a desenvolverse no último trimestre do ano. Esta previsión sería realista xa que esta non é a primeira reunión que manteñen estes colectivos co Concello. Houbo varias reunións preparatorias para recoller propostas das asociacións, e neste encontro fíxose unha posta en común das propostas que fixeron os colectivos.
Os ámbitos de actuación previstos son:
- FORMACIÓN E SENSIBILIZACIÓN: actividades fomativas e de sensibilización dirixidas ao persoal municipal de atención ao público e a colectivos e sectores (comercio, hostelaría, transporte...). Tamén se fará un traballo específico no ámbito escolar.
- INFORMACIÓN E COMUNICACIÓN. Actuacións dirixidas a mellorar a accesibilidade sensorial e cognitiva nas oficinas de atención ao público e na comunicación municipal (publicacións en papel, web, retransmisións audiovisuais). Interpretación, tradución e subtitulados
- SINALÉCTICA. Utilización de pictogramas, sistemas de lectura fácil e braille nos edificios municipais e nos espazos públicos
- TRANSPORTE PÚBLICO. Mellora da accesibilidade sensorial e cognitiva nos autobuses, taxis, trens (propostas para trasladar a asociacións, empresas ou administracións competentes)
- TURISMO. Sinaléctica informativa inclusiva. Edición de materiais (trípticos, guías, planos) tendo en conta os criterios de lectura fácil. Audioguías accesíbeis.
- ACTIVIDADE CULTURAL E DE LECER. Emprego de sistemas de comunicación inclusivos nas guías, publicacións e actividades culturais e de lecer.
- SEMÁFOROS SONOROS. Continuar coa implantación do sistema de aviso acústico nos semáforos da cidade.
Relacionadas:
-
O centro de saúde da Parda instala pictogramas para as persoas con autismo
Por Redacción |
-
Usuarios do Juan XXIII piden ao alcalde máis accesibilidade para persoas con discapacidade cognitiva
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra acollerá un foro sobre o turismo accesible e sensitivo
Por Oskar Viéitez |