Carmela Silva chama "primo de Zumosol" a Rueda por participar nun acto de protesta do PP contra a Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O vicepresidente da Xunta e presidente provincial do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, participou xunto aos alcaldes do Partido Popular nunha concentración fronte á entrada principal da sede da Deputación de Pontevedra para mostrar o seu rexeitamento ao actual modelo de repartición dos fondos do goberno PSdeG-BNG.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, criticou este xesto pola "falta de respecto á institución" mostrada por Rueda, cualificando a súa presenza xunto aos deputados do PP como "el primo de Zumosol" por ter que acudir "papá Rueda" a esta protesta para darlle "espazo mediático" ao "baixo nivel político" da oposición.
Pola súa banda, Alfonso Rueda insistiu en sinalar que "non funciona" o modelo que expuxo o goberno bipartito. "Non é que o digan só os alcaldes do PP, senón que tamén o sustentan gobernantes doutros partidos", asegurou.
Os populares opuxéronse a esa "mensaxe triunfalista" da xestión provincial que se está trasladando neste primeiro ano de mandato, incidindo en que a imaxe que pretenderon dar a semana pasada, de "harmonía" onde todos os concellos da provincia están de acordo en como funcionan as cousas, "non é verdade", dixo Rueda.
"Os alcaldes do Partido Popular saben analizar o que lles convén e o que non, por iso dinlle non ao modelo de Carmela Silva e presentan eles a súa propia iniciativa", anunciou.
O alcalde da Estrada, José López Campos, falou en representación dos rexedores do PP e dixo que dos 150 millóns de euros que ten de orzamento a Deputación de Pontevedra, aos concellos chegan "escasamente 40 millóns". E avanzou que van propoñer que se cre unha comisión formada polos 62 alcaldes da provincia, "onde cada concello teña un voto" e onde poidan ter "un modelo máis distributivo e, sobre todo, un modelo máis solidario con aqueles que máis o necesitan".
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acusou o vicepresidente da Xunta de "confundir partidos políticos con institucións democráticas" e sinalou que "o PP entende que as administracións son o seu coto privado de caza" o que cualifica como unha forma "arcaica" de entender a política por esa "visión patrimonial das institucións".
Ademais Carmela Silva dixo estar "impresionada pola falta de principios democráticos do PP e do señor Rueda" interpretando que a súa presenza por segunda vez nun "acto de partido" na Deputación é a "confirmación de que esta Nova Deputación está a facelo francamente ben", apuntou.
Carmela Silva tamén mostrou a súa sorpresa pola presenza e as declaracións do alcalde da Estrada, xa que nun recente encontro que mantiveron falaron do modelo de repartición de fondos aos concellos implantado polo bipartito "e díxome que o apoiaba radicalmente", asegurou.
Ademais acusouno de mentir, pois Carmela Silva insistiu en que a Deputación destina aos concellos "bastante máis de 65 millóns de euros", engadindo que no caso concreto da Estrada "recibe máis diñeiro que co goberno do Señor Louzán" contando tamén "o que recibía por baixo da mesa", en referencia aos fondos de libre disposición do presidente.
Finalmente a presidenta provincial cre que a Alfonso Rueda "a provincia non lle interesa nada" e lembrou que leva máis dun ano sen ser recibida polo presidente da Xunta para "abordar os asuntos que lle preocupan á xente".
Relacionadas:
-
Alfonso Rueda e Carmela Silva, enfrontados polas visitas do líder popular á Deputación
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O PP defenderá no pleno un novo modelo para o Plan Concellos
Por Alejandro Espiño |
-
Un alcalde, un voto
Por Redacción |
-
Para o PP provincial, a Deputación está comandada por "un goberno de urbanitas"
Por Diego Espiño |
-
"Algún erro cometeriamos, pero non se me ocorre ningún". Primeiro ano da nova Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Rueda pide á presidenta da Deputación un informe obxectivo sobre a fusión Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |