Enfróntase a unha multa de só 180 euros por pasear unha cadela afogándoa cunha correa
Por Natalia Puga
O comportamento do veciño de Pontevedra I.L.G. ao pasear a súa cadela, supostamente afogándoa cunha correa cun nó corredizo e arrastrándoa sobre un costado, pode quedar nunha multa de tan só 180 euros. A Fiscalía solicita para o acusado unha multa de 30 días a razón de seis euros diarios como autor dunha falta de maltrato animal. Pide a mesma pena para a súa sogra e propietaria da cadela, C.T.O., acusada do abandono do animal.
Ambos os dous acusados foron sometidos a un xuízo rápido no Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra ao que acudiron sen avogado defensor e se enfrontaron á acusación non só da Fiscalía, senón tamén da protectora de animais Os Palleiros. O avogado desta entidade considéraos responsables das mesmas faltas que relata o fiscal, pero eleva a petición de condena a 600 euros, unha multa de 60 días a razón de 10 euros diarios.
Acusación particular e Ministerio Público solicitaron ao xuíz que os acusados tamén asuman os gastos que sosteñen que ocasionaron co seu comportamento, pois a cadela foi trasladada á protectora e derivada a unha veterinaria para ser atendida das feridas e do mal estado de saúde que sufría. A especialista que a atendeu emitiu dúas facturas, por importe de 509,2 e 64 euros, pero sinalou que o animal aínda non está curado, de forma que o montante dos gastos veterinarios pode verse incrementado nos próximos días.
Tiña unha "infestación alarmante de pulgas" que lle provocou unha "anemia brutal"
O informe da veterinaria é a principal proba á que se agarran as acusacións contra I.LG. e C.T.O. A especialista relatou na sala que cando a cadela chegou á súa clínica "venía en estado crítico", en "condiciones higiénico-sanitarias deplorables" e cunha "anemia brutal" debido á "infestación alarmante de pulgas" que presentaba e que obrigou a que se lle fixese unha trasfusión de sangue.
A veterinaria respondeu a preguntas do avogado de Os Palleiros que a cadela, tal e como estaba, "si" podería supoñer un problema de saúde pública e que chegou á clínica "casi inconsciente" debido á forma na que a transportaba o acusado I.L.G., "arrastrándola por la calle con una correa de estrangulamiento y sin collar". Engadiu que debido á anemia que sufría "se habría muerto en unos días" se non chega a ser atendida.
En relación coa infestación de pulgas que presentaba, asegurou que "la estaban desangrando", un dato que, unido aos niveis de anemia e as codias que presentaba, indican que "llevaba como mínimo cuatro o cinco semanas" afectada. O animal tamén tiña o fígado afectado e tras recibir a atención veterinaria, "ha mejorado". De todos os xeitos, sinala que o seu pronóstico "es reservado".
Tanto a Policía Local coma Os Palleiros e a veterinaria aseguraron no xulgado que había unha relación directa entre o trato que os dous acusados daban á cadela, unha Yorkshire Terrier, e a situación na que se encontraba cando a Policia Local sorprendeu a I.L.G. paseando á cadela na intersección entre a rúa Estación e a avenida de Vigo e, minutos máis tarde, a C.T.O. asegurando que era a dona do animal. Non obstante, ambos os dous sostiveron a súa inocencia e que tratan o animal "como si fuese mi hijo o mi hija".
I.L.G. explicou que ten dous cans no seu piso, aos que uniu o coidado de dous cans máis de súa sogra e, nos últimos días, a Yorkshire Terrier en cuestión, e puxo tal circunstancia como exemplo de que sabe coidar estes animais. Asegurou, ademais, que a cadela non levaba catro ou cinco semanas con pulgas como asegurou a veterinaria, senón que podería ter máis pulgas porque levaba uns días convivindo coas súas outras mascotas.
Ao respecto, a dona do animal indicou que lle aplicara varios produtos para desparasitala a e que, no momento no que a Policía Local deu o alto ao seu xenro, este se dirixía ao veterinario para que buscase unha solución á praga de pulgas. A muller, que tivo que interromper a súa declaración porque lle saltaron as bágoas, engadiu que "en ningún momento vin malos tratos cara a cadela" por parte do outro acusado e que ela non abandonou á cadela, como sosteñen ás acusacións, senón que lle botaba sprai antipulgas, bañábaa e cortáballe o pelo a diario.