Sanxenxo e O Grove e os concellos do Morrazo xestionarán conxuntamente as máquinas limpapraias da Deputación
Por Redacción
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, fixo este mércores entrega dunha das máquinas limpapraias da Deputación de Pontevedra aos representantes da mancomunidade do Morrazo. A máquina quedará na comarca durante todo o verán para o seu uso coordinado entre os diferentes municipios, cumprindo cos novos criterios de reparto aplicados dende o mes de abril.
Igual que no Morrazo sucedeu tamén no Salnés, onde os concellos de Sanxenxo e O Grove se entenderon entre eles dous e propuxeron outra cesión. A máquina xa lle foi entregada o pasado día 23 de xuño e estará nos areais sanxenxinos e grovenses ata o 23 de setembro.
As outras dúas máquinas da Deputación vanse entregando en función das peticións dos concellos que as solicitan. Os únicos requisitos para a cesión consisten en que o concello se faga responsable de respectar o contorno ambiental, de obter os permisos, realizar a sinalización pertinente e respectar a ocupación de terreos e bens particulares afectados, así como de subministrar o persoal e o combustible necesario para o uso. A Deputación encárgase de entregar a máquina no lugar solicitado.
"Como boa parte da maquinaria da Deputación o anterior goberno viña facendo un uso totalmente partidista determinando a quen entregaban as máquinas, xunto a persoal propio da institución, en función de ‘amiguismos’, intereses particulares e vendendo favores. Cando chegou este novo goberno o que fixemos foi poñer toda a maquinaria da Deputación a traballar nas estradas provinciais e, en relación ás catro máquinas limpapraias, o que se determinou foi realizar unha reorganización e un reparto racional", explicou Benítez.
Relacionadas:
-
CC.OO. denuncia que as máquinas de limpeza das praias da Deputación están paradas
Por Anxo Lourido |
-
A Deputación esixe aos concellos do PP que limpen as súas praias
Por Redacción |
-
O PP esixirá á Deputación un plan permanente de limpeza de praias, ante a "falta de apoio" actual aos concellos
Por Redacción |