De estudar música en Sanxenxo a tocar nas principais capitais europeas
Por Redacción
O mozo de Sanxenxo Juan Cernadas, de 22 anos, resultou este ano un dos alumnos bolseiros pola Orquestra Gustav Mahler Jugendorchester de Austria tras superar unha dura selección á que se presentaron ao redor de 1.700 candidatos en toda Europa. Como resultado, percorrerá en agosto as principais capitais europeas na xira de verán desta formación musical.
O mozo tiña tan só seis anos cando espertou a súa vocación. Foi cando o seu avó o matriculou na Escola Municipal de Música de Sanxenxo e, xa instintivamente, decidiu que a frauta traveseira sería o seu instrumento.
Pasou seis anos nesta escola municipal, dos que conserva entrañables recordos, e deu o salto á Banda de Música de Sanxenxo da man do seu profesor Rafael Torres. Segundo declaracións recollidas polo Concello de Sanxenxo, "iso foi un extra de entusiasmo" porque empezou a vincular a música tamén co lecer e "tocar e gozar logo do bo ambiente entre compañeiros era moi agradable".
Compatibilizou os seus estudos de ESO e Bacharelato de Artes cun Grao profesional no Conservatorio de Pontevedra, unha etapa que lembra como "dura" porque tiña clases no instituto pola mañá, pasábase toda a tarde no conservatorio e tiña que dedicar os fins de semana a ensaiar. "Acabei hartísimo", recoñece.
Foi un profesor do Conservatorio de Música de Pontevedra, tras a participación de Juan Cernadas nun concerto, quen lle axudou a despexar dúbidas sobre o seu futuro: "Estaba a pensar en facer Dereito, pero o meu profesor díxome que dedicase a miña vida á música, que o levaba dentro e que era bo. E decidinme". A partir de aí fixo dúas probas de acceso, unha ao Conservatorio da Coruña e outra ao de Zaragoza, e quedou na capital aragonesa.
E este verán deu o salto a Austria tras unhas probas "durísimas" en lsa que conseguiu unha praza xunto a outros 22 españois na Orquestra Gustav Mahler Jugendorchester. É unha praza que se renova cada ano e non inclúe remuneración algunha, pero Juan Cernadas considera a súa participación como toda unha oportunidade de ampliar os seus estudos e aprender novas cousas.
A bolsa consiste en participar en dous encontros anuais que organiza a Orquestra. O de marzo foi en Abu Dhabi e durante máis dun mes levounos de xira polas principais cidades europeas. Agora prepara xa as súas maletas para participar noutro encontro en Italia, cara a onde partirá o 4 de agosto. A partir de aí empezará unha xira por cidades como Bolzano, Salzburgo, Amsterdam, Berlín, Londres, Pordenone, Dresden e Sttutgart.