O goberno local traballa na revisión do proxecto do centro social de Vilalonga
Por Redacción
O goberno local comezou a traballar na dotación dun centro social para a parroquia de Vilalonga para o que iniciou unha revisión do proxecto da actual estrutura situada no Revel, na que a administración local leva investido xa importantes cantidades de diñeiro.
A dotación dunhas instalacións destas características á única parroquia do municipio que carece delas é un dos acordos incluídos no pacto de goberno, polo que será un dos obxectivos prioritarios neste mandato para os tres partidos xa que coinciden en que un centro social municipal resolverá as necesidades de espazo de todas as asociacións da parroquia.
Paralelamente á revisión e modificación do proxecto, o goberno local baralla xa diferentes liñas de financiamento para viabilizar a construción dunhas instalacións definitivas para Vilalonga, liquidando así unha das principais carencias que afronta esta parroquia para dar cobertura á actividade que xera o activo tecido asociativo da mesma.
Mentres tanto o Concello de Sanxenxo suplía a carencia dun espazo público para as entidades de Vilalonga a través dun acordo co Círculo Cultural de Vilalonga que lles permitía asumir o pago do aluguer do inmoble que están a utilizar na actualidade, e que é utilizado tamén polo Club de Xubilados.
Estas instalacións, utilizadas pola Cultural de Vilalonga desde hai moitos anos, non poden na actualidade ser alugadas directamente polo Concello, ao incumprir o seu propietario algún dos requisitos necesarios para formalizar un contrato coa administración pública. A opción de venda que este puxo sobre a mesa, é tamén inviable por razóns similares, ás que habería que sumar o custo da rehabilitación imprescindible para dotar ao inmoble das condicións de accesibilidade e mobilidade esixibles aos edificios públicos.
Estes condicionantes, xunto a unha taxación do inmoble moi inferior ao prezo que estipula a propiedade, fan que o goberno local considere máis apropiada a construción dun centro sociocultural municipal para Vilalonga que a compra deste edificio.
Vista esta situación, o goberno local iniciou hai uns meses os contactos co Vilalonga Fútbol Club para que a súa sede social sexa tamén o local no que a Cultural de Vilalonga e o Club de Xubilados poidan realizar a súa actividade, entre outras asociacións, contando para iso co beneplácito tanto do propietario do inmoble como da directiva da entidade deportiva.
O goberno local considera que o diñeiro que se destina ao aluguer, recaería desta forma nunha emblemática asociación deportiva da parroquia que está a facer un encomiable labor a favor do deporte base, á vez que o espazo destinado para uso do resto das asociacións, unha vez realizadas as obras de acondicionamento interior do inmoble tería unha capacidade similar á do local que utilizan na actualidade.
Relacionadas:
-
Novo local provisional para os xubilados de Vilalonga
Por Redacción |
-
Sanxenxo rexeita 'parchear' o centro social do Revel e construirá un novo
Por Redacción |
-
Os veciños de Vilalonga poderán estrear o edificio cultural do Revel no Nadal de 2019
Por Redacción |
-
Paz Lago presenta o novo local social ás asociacións e colectivos de Vilalonga
Por Oskar Viéitez |
-
O concello pide unha subvención á Deputación para construír o centro sociocultural de Vilalonga
Por Redacción |
-
Unha visita técnica determinará se se pode retomar o centro social do Revel
Por Redacción |
-
A inexistencia dun contrato de aluguer obriga ao traslado da aula de lectura de Vilalonga
Por Redacción |