Ana Pontón, en Poio: "Galicia non necesita un goberno en fuga como tivemos este sete anos"
Un parque empresarial, a mellora da seguridade viaria na PO-308 e un maior apoio ao sector extractivo, marisqueiro e da conserva. Son as principais propostas que recolle o BNG para Poio, segundo avanzou a súa candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, que protagonizou este xoves a súa primeira visita oficial ao Concello.
A estancia en Poio de Ana Pontón foi más breve do previsto porque un problema persoal do alcalde, Luciano Sobral, obrigou a suspender as visitas previstas á empresa Pescamar e á lonxa de Campelo -que serán reprogramadas-. Pero houbo tempo para que adiantara parte do programa co que os nacionalistas se presentarán ás próximas eleccións do 25 de setembro.
Así, explicou que o BNG propón resolver dous dos principais incumprimentos da Xunta do PP con este municipio: a creación do parque empresarial que permita potenciar a xeración de emprego ou a mellora da seguranza viaria na PO-308 que atravesa todo o concello e que xera graves problemas de seguridade.
Ademais, entre os asuntos tratados cos concelleiros do BNG, Ana Pontón asegurou que o seu partido aposta por aprobar medidas de apoio e mellora das condicións do traballo de todo sector relacionado co mar, especialmente a actividades extractiva e conserveira porque Galicia, sinalou, "somos primeira zona produtora da Unión Europea e a segunda do mundo despois de Tailandia".
Nos últimos anos, segundo a candidata nacionalista, a crise afectou ao sector da conserva polo que deben aplicarse medidas contra a fraude da etiquetaxe, apoiar a innovación do sector e defendelo ante as institucións europeas a través da creación dun observatorio da trazabilidade para controlar que produtos importados cumpran a normativa.
Todo isto é debido a que o BNG conta cun programa "pensado para a Galicia do século XXI" co que deixar atrás os recortes, o paro e a precariedade para apostar pola potencialidade e capacidade de Galicia e o seu futuro.
Pontón reiterou que esta comunidade "necesita un goberno que estea cando o necesita e non un goberno en fuga como o que tivemos estes sete anos" e que a alternativa de cambio é o BNG cun proxecto, programa e persoas "con valentía para enfrontar os cambios necesarios neste momento".
Os nacionalistas estarán, dixo a candidata do BNG, "sempre ao lado de Galicia e da defensa dos seus intereses" como demostra, explicou, a experiencia de centos de concellos nos que ten representación e máis de trinta alcaldías, entre elas a de Poio, que "representan goberno ao servizo da xente deste país e con capacidade de transformación, impulso e políticas innovadoras".