O PP detecta tres erros no Plan de Viabilidade de Campolongo e presenta alegacións
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra detectou "tres importantes erros" no Plan de Viabilidade das Piscinas de Campolongo elaborado polo goberno local e que nestes intres está en fase de exposición pública. Na súa opinión, son de tanta entidade que provocan a "invalidez" deste documento, de modo que eles decidiron presentar alegacións.
O concelleiro César Abal critica que a "falta de compromiso e de xestión" do grupo de goberno do BNG co complexo deportivo de Campolongo "é absoluta" pois tardaron máis dun ano en redactar un Plan de Viabilidade que podería facerse nunha semana e, unha vez presentado, o PP comprobou que contempla "múltiples erros que impiden unha orientación real sobre o proxecto de inversión".
O primeiro erro detectado afecta á proxección económico-financeira, pois o BNG calcula o IPC en base ao 1% invariable ao longo dos 40 anos de explotación do complexo, un dato que para Abal é "completamente irreal, se temos en conta que o BCE apuntou como obxectivo para os vindeiros anos estimar o IPC ao 2%".
O segundo erro é que o estudo contempla un "excesivo incremento sen xustificación algunha" do número de abonados. Seguún César Abal, estiman arredor de 4.000 usuarios, un número que non se entende se se ten en conta que cando se proxectaba conxuntamente Campolongo e A Parda, esta mesma estimación non superaba os 3.000.
O último erro ten relación cos custos de inversión previstos, que figuran exactamente igual que cando se contemplaba o proxecto conxuntamente co de A Parda. "É imposible que as partidas referidas aos equipamentos sexan, punto por punto, iguais se as instalacións son menores".
César Abal pide "máis precisión e rigor" co Plan e confía en que se teñan en conta as alegacións e non se aprobe este estudo, pois "o lóxico sería que se elaborase un novo, con datos reais", que se someta á decisión da Xunta Reitora do IMD e posteriormente pase a información pública.
Relacionadas:
-
Piden solucións de emerxencia ante os 35 graos e 90% de humidade das piscinas de Campolongo
Por Redacción |
-
O plan de viabilidade para as piscinas de Campolongo contempla 3,8 millóns de euros para a súa reforma
Por Redacción |
-
Nova prórroga para a concesión das piscinas de Campolongo
Por Redacción |
-
O PP insta o goberno municipal a revisar o plan de viabilidade das piscinas de Campolongo
Por Alejandro Espiño |