Unha nova zona verde de 1.400 metros cadrados ao pé da desembocadura do Gafos
Por Redacción
Ao pé da desembocadura do río Gafos, na zona do Gremio de Mareantes, quedará habilitada nos próximos meses unha nova zona verde para o uso veciñal de 1.400 metros cadrados de superficie. Será no coñecido como Monte do Taco, unha parcela adquirida polo Concello de Pontevedra por 484.153 euros que quedará habilitada xa no mes de setembro despois dunha primeira actuación.
Os concelleiros de Parques e Xardíns e Área Urbana, Luís Bará e Carmen Fouces, visitaron este xoves a zona para dar conta dos traballos que se acometerán de xeito inmediata e dos plans do Concello a medio prazo en relación coas zonas verdes e de lecer da cidade, pois está previsto que en cuestión de ano e medio haberá preto de 27.000 metros cadrados de zonas verdes preparados para o lecer dos pontevedreses, sumando as parcelas cedias por Adif a raíz das obras do tren en Médico Ballina, A Seca e 12 de Novembro, un terreo adquirido na zona do Burgo e outro que está en tramitación en Mollabao.
No caso do Monte do Taco, está previsto contratar a unha empresa externa todas as actuacións necesarias para deixalo preparado para o uso público. A primeira actuación necesaria era desbrozar, uns traballos nos que xa se fixeron os primeiros avances. Pero aínda queda moito máis por facer. Así, acometeranse tarefas de limpeza das especies arbóreas invasoras como acacias, eliminaranse os valados publicitarios que afean a parcela dende a avenida de Marín e realizaranse traballos para arranxar os muros perimetrais, que están derrubados ou invaden o espazo que se espera que sexa para uso da cidadanía.
Despois destes traballos básicos, abrirase ao público e xa, máis a longo prazo, prevese empezar un tempo de debate coa cidadanía para que sexan os veciños da zona os que falan de que outras actuacións serían positivas na zona. Unha das demandas sociais é, segundo constatou Bará, retranquear o muro perimetral para deixar un espazo máis amplo de beirarrúa e estrada nesa desembocadura do Gafos e tamén se traballará en mellorar a accesbilidade da zona e eliminar os desniveis que existen no terreo.
Cabe recordar que esta actuación para recuperar un espazo público para o uso dos cidadáns como zona verde e espazo de lecer é complementaria doutra realizada no último ano para mellorar a zona.
A parcela de 1.400 metros cadrados do Monte do Taco foi adquirida polo Concello a 13 propietarios distintos da Familia Pazó por 484.153 euros. A parcela estaba cualificada no PXOM como zona verde e os donos fixeron uso da posibilidade que recolle a lei de pedir ao Concello que expropie os terreos.
Relacionadas:
-
Comezan os traballos para a recuperación do monte do Taco como espazo público
Por Redacción |
-
Uns particulares agasallan ao Concello unha leira no Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Dezaoito empresas presentan ofertas para executar o saneamento do río Gafos
Por Redacción |
-
Os veciños do Monte do Taco agardan por novas melloras no barrio
Por Redacción |