Usan unha cámara térmica para localizar un ancián desaparecido da súa casa de Vilalonga
Por Redacción
O uso dunha cámara térmica e unha actuación de madrugada do Servizo Local de Emerxencias de Sanxenxo permitiu localizar un ancián da localidade que desapareceu da súa casa de Vilalonga na tarde do domingo e foi encontrado desorientado e ensanguentado nun terreo de viñedos da súa propiedade.
O desaparecido é C.M., un home de 83 anos veciño do lugar de Dadín, na parroquia de Vilalonga, que se encontraba desaparecido dende as 20.30 horas do domingo. No operativo de seguridade, posto en marcha sobre as 22.30 horas unha vez que a familia de C. M. alertou á Policía Local da súa ausencia, interveu tamén a Garda Civil.
O ancián vestía xersei marrón, pantalón vaqueiro e gorra e foi encontrado ás 01.00 horas nun terreo da súa propiedade emprazada en As lagoas. O home encontrábase desorientado e ensanguentado, posiblemente debido a unha caída, motivo polo que foi trasladado por parte do 061 ao Punto de Atención Continuada do Centro de Saúde de Baltar.
Ciclista ferido
A Policía Local Sanxenxo interveu no mediodía de hoxe nun accidente de circulación rexistrado na rotonda de Arnelas entre unha bicicleta e un turismo Volkswagen Passat de cor gris.
O sinistro produciuse ás 14.30 horas. Segundo informou o Concello de Sanxenxo, o ciclista circulaba pola glorieta e o turismo incorporábase a esta dende a avenida Luis Rocafort cando ambos os dous impactaron. O cilista, H.A.V. resultou ferido e tivo que ser trasladado por unha ambulancia do 061 ao Hospital Domínguez, de Pontevedra.