Cubela pecha cos veciños de Almofrei a rehabilitación integral da Casa do Pobo
Por Redacción
O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, desprazouse este mércores ata a parroquia de Almofrei para manter unha xuntanza cos representantes veciñais e pechar todos os detalles da rehabilitación integral da Casa do Pobo, que comezará nas vindeiras semanas. Esta actuación enmárcase no "Plan de Centros Veciñais 2019", co que o goberno local pretende reformar e mellorar os locais sociais de todas as parroquias e incluso construir algún novo, como no caso de Tenorio, durante o presente mandato municipal, que remata dentro de 32 meses.
O rexedor local xa mantivera con anterioridade, acompañado por técnicos, contactos cos vecinos para coñecer as necesidades e deficiencias do edificio e proceder á redacción do proxecto, que xa está rematado e que agora dará paso ao inicio das obras.
Entre as melloras incluídas atópanse a retirada das tellas planas existentes e a instalación dun illamento con uralita e o revestimento do teito con tella do país; o acondicionamento das cámaras para a corrección de humidades; o pintado do interior do inmoble; o lavado e hidrofugado da fachada; e a colocación de fiestras sinxelas polo exterior para favorecer a protección da madeira.
En concreto, o proxecto é moi similar ao desenvolvido con anterioridade na Casa do Pobo de Borela, xa que ambos edificios presentan unhas características comúns e as deficiencias eran bastante similares. Para a realización deste novo investimento, o Concello de Cotobade ten previsto destinar máis de 30.000 euros.
"Imos apostar por unha rehabilitación completa do edificio, tal e como estamos a facer en todas as parroquias, para que os veciños de Almofrei poidan dispor dun lugar moito máis confortable no que realizar as súas actividades sociais e culturais, que son moitas ao longo do ano, xa que se trata dunha parroquia moi activa e dinámica", explicou Cubela.
Finalmente, o alcalde sinalou que o "Plan de Centros Veciñais 2019" segue en marcha malia o forte esforzo orzamentario que lle supón ao Concello e confirmou que as seguintes actuacións, coas que rematará este plan, serán as reformas das Casas do Pobo de Augasantas e Rebordelo e da Casa do Emigrante de Carballedo, así como a construción dun novo local veciñal en Tenorio.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade pecha un acordo co Goberno para mercar a Casa do Pobo de Corredoira
Por Redacción |
-
Cubela anuncia a ampliación da Casa do Pobo de Augasantas para 2017
Por Redacción |
-
Cotobade chega a un principio de acordo co Estado para comprar a Casa do Pobo de Corredoira
Por Redacción |
-
O saneamento e a Casa do Pobo de Tenorio será "prioridades" no orzamento de Cotobade para 2016
Por Redacción |
-
Cubela compromete a reforma da Casa do Emigrante para o 2016
Por Redacción |
-
Avanza a reforma integral da Casa Escola e a canalización de augas no Cádavo
Por Redacción |