A asociación de propietarios da vivendas turísticas critica a Feijóo por non recibilos
Por Oskar Viéitez
A asociación de propietarios da vivendas turísticas de Galicia, que ten a súa sede en Sanxenxo, critica que un mes despois da súa constitución "seguimos sen ter ningunha noticia do presidente da Xunta de Galicia nin do seu goberno".
Este colectivo sinala nun comunicado que o goberno galego está a falar dos "fantásticos datos" do turismo deste ano na nosa comunidade, pero lamentan que "se esquece de escoitar aos propietarios de vivendas turísticas, peza crave no desenvolvemento turístico da nosa comunidade".
Esta asociación lembra que a súa misión é "poñer en valor a riqueza turística de Galicia, ampliando as economías que ela xera, desestacionalizando a oferta e defendendo os intereses dun sector con tanta importancia como o noso".
Con todo, consideran que os seus intereses están "en grave risco" como consecuencia da elaboración do borrador do decreto que regula este sector e que consideran unha ameaza á "supervivencia dos particulares que nos dedicamos ao turismo a esta escala tan reducida".
Esta asociación demanda ser partícipe na elaboración desta norma tan importante para "non só para defender os nosos intereses senón tamén para contribuír de forma conxunta e rotunda a mellorar a imaxe de Galicia no ámbito turístico", conclúen.