En setembro retomarase o proxecto do parque forestal da Fracha
Por Redacción
O concelleiro de Rural, Demetrio Gómez, anunciou que este mes de setembro convocará ás comunidades de montes de Canicouva, Marcón e Tomeza a unha reunión para retomar o proxecto do Parque Forestal da Fracha, que ocupará 240 hectáreas co obxectivo de crear un espazo que se converta nun exemplo de política forestal sacándolle produtividade ao monte e, ao mesmo tempo, que sexa unha zona de lecer e de atracción turística á que se poidan vencellar diferentes empresas para sacarlle rendemento económico.
O contido do anteproxecto foi realizado pola empresa Lagares Oca.
A proposta contempla un desenvolvemento cunha primeira fase de tres anos na que se recuperará a zona con replantación de especies, principalmente piñeiros. Segundo indicou o concelleiro, o parque crearíase nun territorio que sufriu a vaga de incendios do ano 2006 e que precisa esa recuperación forestal. A segunda fase buscaría desenvolver investimentos para iniciativas turísticas de carácter privado como o aluguer de bicis, a posta en marcha dun teleférico e outras similares.
Para poñer en marcha este proxecto, os técnicos calculan que a cifra se situaría en 600.000 euros para os tres primeiros anos. Ademais é necesario un programa de mantemento que ascendería a 60.000 euros anuais.
Se crearían tres áreas estanciales nas que se recibirían aos visitantes para que seguisen as rutas polos sendas do parque. A intención do goberno local é aproveitar tres sendeiros existentes e arrombalos para camiñantes e ciclistas, ademais dun máis estreito para camiñar ata regachos e espazos de alto valor ecolóxico.
Ata agora mantivéronse diferentes reunións coas tres comunidades de montes para coñecer as súas propostas e buscar unha fórmula que permita aproveitar de maneira rendible o monte ao mesmo tempo que se realiza un traballo de reforestación no que, segundo indicou Demetrio Gómez, non caben eucaliptos, unha especie que foi rexeitada polos comuneiros. Tamén está previsto recuperar as canles de regachos invadidos por especies invasoras.
Ademais, o goberno local espera que a longo prazo se poidan adquirir terreos para incrementar a área comunal que, anos atrás, pasaron a ser propiedade de particulares a través de "cachadas". A intención do equipo de goberno é que se cre unha mesa formada polos comuneiros e polo Concello para xestionar o parque.