Sen novas da arbitraxe entre os afectados do Salnés
Por Redacción
Os afectados pola comercialización de participacións preferentes e subordinados da comarca do Salnés saben que segue utilizándose o procedemento da arbitraxe para solucionar esta problemática a través de referencias de terceiros porque nas súas propias carnes non os viven dende hai dúas semanas.
O voceiro da Plataforma de Afectados do Salnés, José Manuel Vázquez, indicou que o Instituto Galego de Consumo de la Xunta de Galicia leva "dúas semanas sen chamar a ninguén da plataforma para a arbitraxe".
A situación senta moi mal entre os afectados, que acumulan xa un mes e medio de encerro de protesta no Concello de Sanxenxo. "As palabras dos politicos volvéronse estériles nos seus froitos e ausentes de sensibilidade cos afectados que levan con resignacion a penuria de verse estafados polo banco e desamparados polos nosos gobernantes", indican.
Engaden que "a ausencia de transparencia nas arbitraxes e o pouco recoñecemento do traballo desenvolvido polas plataformas, incentivan un descontento social que esta chegando a límites perigosos para a súa saúde e dos que só son responsables os banqueiros e os políticos pola súa falta de implicacion".
Nunha liña crítica moi dura, sinalan que "só un país bananeiro pode ter unha Xustiza cega e uns políticos cómplices con semellante roubo aos nosos pais, avós e xuventude. Só un país corrupto de avaricia nos seus gobernantes pode consentir un espolio aos seus cidadáns e manter tanta corrupción".