O concurso Tui-Santiago da Brilat avanza cara á súa internacionalización con catro patrullas estranxeiras
Por Natalia Puga
Un total de 132 militares do Exército español e das Forzas Armadas de Portugal, Bélxica, Francia e o Reino Unido participarán entre o 7 e o 9 de setembro no xa habitual concurso de patrullas Tui-Santiago que organiza a Brigada de Infantería Lixeira (Brilat) con motivo do seu aniversario, pero que este ano se atrasou varios meses con respecto ás súas datas tradicionais.
O concurso adoita realizarse antes do verán, nas semanas anteriores ao aniversario da Brigada, o 7 de xuño, pero neste 2016 resultaba imposible porque nesas datas estaban inmersos nos exercicios centrais da súa participación como líder da Forza de Moi Alta Dispoñibilidade da OTAN, de modo que se pospuxo.
Este xoves o xeneral xefe da Brigada, Luís Cebrián Carbonell, presentou a nova edición do concurso, o primeiro dunha serie de actos organizados con motivo do 50 aniversario da Brigada que culminarán o 9 de outubro coa celebración dunha parada militar que, por primeira vez, celebrarase no centro de Pontevedra e non na base da Brigada en Figueirido. É unha celebración especial, pois se conmemora medio século da Brilat, e quixeron trasladala ao centro para conseguir unha maior participación cidadá.
En relación co concurso de patrullas, este ano destaca o paso de xigante que se deu para a súa internacionalización. Nas dúas últimas edicións participaran senllas patrullas das Forzas Armadas de Estados Unidas, pero este ano serán catro os países estranxeiros participantes. O xeneral explica que a intención da Brigada é "fomentar la internacionalización militar de la prueba de tal manera que vayan participando en la misma ejércitos aliados o socios".
Ademais, haberá une elevada participación de militares alleos á Brilat. O xefe de operacións da Brigada, o comandante Gallego, explicou que das 22 patrullas de seis membros cada unha participantes menos da metade son da Brigada, 10, das cales unha é mixta. Ademais, hai oito doutras brigadas do Exército español e catro estranxeiras.
Os seis patrulleiros de cada unha delas deberán percorrer os 120 quilómetros que separan Tui de Santiago nun tempo máximo de 34 horas e 40 minutos e, ao mesmo tempo, ir realizando sete probas distintas, un percorrido topográfico, tiro de precisión, pista de obstáculos, rápel, cruzamento de rio a nado, percorrido cronometrado e lanzamento de granada de man. Todo iso con uniforme de campaña, levando o seu armamento individual e todo o seu equipo regulamentario, cun peso duns 8 quilos.
Como nos anos anteriores, dous dos momentos máis espectaculares terán como escenario a cidade de Pontevedra, onde se celebrarán as probas de salto de rápel na ponte de Monte Porreiro e paso de río a nado nas proximidades da ponte de Os Tirantes. Serán o día 7 de setembro a unha hora aínda sen concretar, pois depende da velocidade á que avancen as patrullas desde a súa saída ás 8.00 horas de Tui. A chegada a Santiago está prevista a partir da madrugada do día 8 e o 9 de setembro haberá un acto central na praza do Obradoiro.
Relacionadas:
-
Peregrinos de verde... militar
Por Natalia Puga |
-
O concurso Tui-Santiago da Brilat reunirá 21 patrullas de España e Portugal
Por Natalia Puga |
-
A Tui-Santiago segue batendo récords: 120 quilómetros e 7 probas en menos de 22 horas
Por Natalia Puga |
-
De Tui a Santiago pisando o acelerador (militar)
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os artilleiros da Brilat, sen rival na Tui-Santiago
Por Natalia Puga |
-
E menos de 24 horas despois... a Catedral dálles a benvida
Por Natalia Puga |
-
De Tui a Santiago a fume de carozo
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
25 patrullas de 15 unidades militares de España e USA percorrerán o Camiño de Santiago
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |