Veciños de Sartal expresan o seu malestar cos que piden a suspensión da Subida á Escusa
Por Redacción
A subida á Escusa prevista para o próximo 17 de setembro no concello de Poio xerou un enfrontamento entre os que apoian a proba automobilística, a gran maioría, e os que piden a suspensión do rally.
A competición discorre pola estrada que comunica os lugares de Sartal e Arís, onde estes días empezaron a colgar pancartas en apoio á Subida e nas que sinalan que os que protestan "son só catro".
Os opositores consideran que a proba non cumpre os requisitos de seguridade. O pasado ano xa acudiron ás autoridades con este mesmo argumento, naquela ocasión apenas lograron reunir unha vintena de firmas a pesar da sensibilización que naquel momento había entre a cidadanía tras o accidente de Carral no que faleceron sete persoas.
De novo a división veciñal repítese este ano en Poio e unha vez máis a maioría dos veciños exprésase a favor da celebración da que será a décimo sétima Subida á Escusa.