Un novo concepto de tenda de moda chega a Pontevedra: Lolita Multimarca
Pontevedra conta cunha nova tenda de referencia en moda: Lolita Multimarca. Situada na céntrica rúa Frei Juan Navarrete, 8, preto da "Fonte dos Nenos", a tenda abriu as súas portas este luns, comezando a súa atención ao público, para proceder pola noite á inauguración oficial con numerosos invitados que quedaron gratamente sorprendidos das súas instalacións, así como da súa oferta comercial.
Lolita Multimarca presenta un novo concepto en Pontevedra. Trátase dun espazo de 280 metros cadrados repartidos en dúas plantas, onde os clientes terán á súa disposición as novas coleccións de primeiras marcas como Pepe Jeans, Tommy Hilfiger, Levis, G-Star, Napapijri, Superdry, Calvin Klein, McGregor, Hackett, Adidas, Reebok, Converse, e moitas máis.
Lolita Multimarca chega a Pontevedra cun novo proxecto, que inclúe un cambio de imaxe, tanto das súas instalacións como da súa identidade corporativa. Para o deseño de interiores a empresa confiou no arquitecto Marcos Samaniego, responsable tamén de obras como a discoteca Pelícano ou a nova imaxe de Roberto Verino, entre outras moitas.
Os interiores da nova tenda son unha composición de liñas xeométricas, elementos vexetais e xogos de luces. Unha perfecta fusión de interiorismo orgánico e industrial.
O acto de inauguración, que tivo lugar á primeira hora da noite, foi todo un acontecemento, cun gran evento festivo no que o numeroso público asistente gozou dun cocktail, ademais de participar en diversos concursos e sorteos de premios. Para que nada faltase, o evento estivo amenizado por un Dj, ademais do correspondente Photocall para inmortalizar o momento, coa presenza entre os invitados dos xogadores do Real Club Celta de Vigo, Sergio Álvarez, Pape Cheikh e Diego Alende.
Lolita Moda xorde en Noia no ano 1960, a partir dun negocio familiar fundado por Dolores Gómez e Mario Hermo. Cunha pequena mercería e unha máquina de punto comezou todo, ata converterse en referencia en confección para toda a familia en Noia e comarca.
Adiantándose aos tempos, incorporaron a marca Levi's, o primeiro paso cara á evolución á moda multimarca. Máis adiante uniríanse outras marcas como Bonaventure, Liberto, Lois ou Wrangler, entre outras, con tal éxito que en 1972 foi necesaria a ampliación do negocio, a primeira de moitas.
2001 é outro ano de referencia. Dolores Hermo xubílase, dando paso á seguinte xeración da familia Hermo-Gómez, as súas fillas Loli e Carmen, e o marido de Carmen, Juan. Os tres toman as rendas do negocio tendo entre as súas mans o reto e a gran responsabilidade de facer unha reinterpretación da firma. Achegaron un aire fresco, adquirindo marcas enfocadas cara a un público máis novo, pero sen perder a esencia de calidade e servizo, sempre pensando no cliente.
Grazas a todo este traballo e esforzo, Lolita Moda conta actualmente con sete tendas físicas multimarca, tres delas de nenos, Lolita Kids, distribuídas por algúns dos núcleos máis importantes da zona do Barbanza: Noia, Bertamiráns e Ribeira, sendo esta última a tenda multimarca máis grande de Galicia, con dúas ampliacións, en 2006 e 2015, dispoñendo actualmente dun espazo de 600 metros cadrados.
Lolita Moda dispón tamén de venda online con servizo personalizado e envíos en 24 horas
En continua transformación, Lolita Moda chega tamén ao mercado da internet a través da súa tenda online. Cun departamento especializado dentro da empresa, pon os seus medios para a creación dun estudo fotográfico e de deseño, co fin de xerar contidos propios que configuran a plataforma de venda online www.lolitamoda.com. Seguindo o mesmo método que nas tendas físicas, desde hai 5 anos a tenda virtual ofrece un servizo o máis personalizado posible, con respostas inmediatas a todas as consultas dos clientes e envíos en 24 horas. Un servizo de calidade, co que Lolita Moda quere que os seus clientes vivan a experiencia da marca.