O Grove, en 'Gran Hermano': Así é o modelo Miguel Vilas, un dos seus concursantes
Por Redacción
De novo, un pontevedrés concursará en Gran Hermano. Dous anos despois de que Hugo Pérez -un mozo de Bueu que ía acompañado da súa cabra- entrase na casa máis famosa da televisión, é a quenda do modelo Miguel Vilas, natural do Grove. É unha das dezasete persoas que este xoves comezaron a súa aventura no reality show de Telecinco.
El foi o primeiro concursante de GH17 ao que coñeceron os espectadores. Ten 31 anos -aínda que asegura que non lle gusta dicir a idade que ten- e ao longo da súa xa extensa carreira como modelo internacional desfilou nas pasarelas máis importantes do mundo e traballou para algunhas das firmas máis coñecidas da moda.
Defínese como transgresor, imaxinativo, empático, egocéntrico, enérxico, seguro, botado para adiante, paciente e con desparpallo.
Miguel Vilas demostra ser un home con moito estilo e que coida con esmero o seu aspecto físico. Tanto que considera que "cumplo todos los cánones de belleza que la sociedad impone"... ou polo menos, iso parece. Porque el mesmo asegura no seu vídeo de presentación que é "un chico de mentira" e que lle gusta "jugar con la ilusión óptica de las personas".
"Mi cuerpo está totalmente modificado para hacer creer que lo que la gente ve es real", afirma. Sentiu a necesidade de crear un personaxe para poder chegar todo o máis alto no mundo da moda e, segundo el mesmo describe, ten unha versión descoñecida de si mesma, "una que nadie conoce y nadie sabe que existe".
E cal é esa versión? No seu vídeo de presentación déixao claro. Leva unha dobre vida. E non só en canto ao seu aspecto físico. Asegura ser técnico sanitario e intérprete de signos e cunha carreira profesional "muy vinculada a la inclusión social".
A súa revelación, que sorprendeu á propia Mercedes Milá -que se despedía este xoves do programa- espertou os aplausos entre o público, o que fai presaxiar que será un dos concursantes que máis darán que falar no Gran Hermano deste ano.
O seu obxectivo, ademais de presentar ao "verdadeiro" Miguel Vilas, será aguantar máis de tres meses na casa de Guadalix de la Sierra. O premio ben merece o esforzo e o exercicio de valentía que demostrou ao entrar no concurso: 300.000 euros para o gañador.
Relacionadas:
-
Catro pontevedreses concursan en Boom! para abrir un lugar de lecer que cubra o baleiro que ven na cidade
Por Marisa Ciordia |
-
Belén Roca, unha marinense en Gran Hermano VIP
Por Redacción |
-
Bueu queda sen o seu 'Gran Hermano': expulsan a Hugo do concurso ás portas da final
Por Redacción |
-
De Bueu á casa de 'Gran Hermano': Hugo Pérez e a súa cabra, entran no popular concurso de Telecinco
Por Redacción |