Goberno e oposición miden as súas forzas no Pleno da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Pleno da Deputación de Pontevedra viviu este venres un auténtico pulso entre o goberno bipartito e a oposición e no que tamén tiveron protagonismo algúns dos conflitos laborais abertos na cidade.
Así os traballadores da empresa Elnosa e os funcionarios do Parque de Maquinaria concentráronse nas escaleiras do Pazo Provincial. A súa intención era asistir á sesión plenaria pero o Salón de Plenos xa estaba ocupado por un concorrido grupo de alcaldes e militantes do Partido Socialista e do Bloque Nacionalista Galego.
Os persoais de traballadores, convocadas polo sindicato Comisións Obreiras, criticaron a "falta de democracia" da institución por non deixarlles acceder ao edificio, no caso dos traballadores da cloreira para "esixir a continuidade dos seus postos de traballo" e respecto dos traballadores do Parque de Maquinaria, reivindicar melloras nas súas condicións laborais "e contestar a imaxe violenta que están a dar de nós", segundo dixo o secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa.
Mentres tanto no Salón de Plenos soaba unha ovación pechada en apoio ao deputado nacionalista, Uxío Benítez, que nos últimos días foi ameazado nunhas pintadas.
Aínda que o motivo principal das persoas presentes en entre o público era mostrar o seu respaldo ao coñecido como Plan Concellos co que o goberno PSdeG-BNG establece uns criterios "claros e equitativos", segundo defenden, "fronte ao caciquismo do PP".
Non houbo sorpresas respecto ao desenvolvemento e contido do resto do Pleno.