Organizacións próximas ao nacionalismo reclamarán na rúa a plena soberanía nacional para Galicia
Por Alejandro Espiño
"Polo dereito ao traballo, á igualdade, aos servizos públicos e á plena soberanía galega". ÿ o lema escollido polas organizacións e colectivos próximos ao nacionalismo para unha concentración que terá lugar na Praza da Peregrina de Pontevedra o próximo martes 26 de febreiro ás 20:30 horas. Nela reclamarán un novo proceso constituínte ante un sistema "esgotado e corrupto", segundo explican os seus organizadores.
Trátase da primeira mobilización da Plataforma pola Soberanía Nacional, composta por unha quincena de organizacións políticas, sindicais, sociais ou estudantís: BNG, CIG, CG, COG, FRUGA, MPB, Nós-UP, AGIR, AMI, BRIGA, os Comités, Galiza Nova, ISCA! e a Liga Estudantil Galega. Todos eles cren que para resolver os problemas actuais é necesario unha "soberanía nacional plena para Galicia".
Segundo Rafael Iglesias, secretario comarcal de CIG Pontevedra, estes colectivos consideran que é o momento para mobilizarse de forma conxunta "en defensa do dereito ao traballo, á igualdade e os servizos sociais públicos, contra a destrución social e cultural que estamos a vivir e, fundamentalmente, contra a lacra da corrupción".
Neste sentido, Rafael Iglesias situou o inicio da crise na integración de España na Unión Europea, una circunstancia dixo, que "foi dramática para moitos sectores produtivos do noso país" como o leite, o naval ou a pesca. De aí que se pregunte "de que imos vivir os galegos" vendo os alarmantes datos de paro que se rexistran en Galicia e a situación "extrema" de moitas familias que empuxa a moitos mozos á ter que emigrar.
En todo caso, o secretario comarcal da CIG cre que "máis alá de que haxa algún político corrupto, o que está corrompido é o sistema" e criticou a elevada carga impositiva que existe en España, "salvo para as grandes fortunas como Amancio Ortega que tributa todo nas SICAV ou en Fundacións, pero claro logo da 20 millóns a Cáritas e xa é un santo".
Neste sentido, Anxo Torres, voceiro de Nós-Unidade Popular, chamou a unir forzas para darlle continuidade no tempo a esta campaña que agora se inicia. "O réxime saído da transición agora está deslexitimado e no noso país aínda máis porque o estatuto non resolveu os nosos problemas", explicou. E por iso considera que "para avanzar nese camiño é imprescindible mobilizarse de forma organizada e o máis ampla posible, de forma que continúe no tempo e poidamos lograr a ruptura do réxime".