O presuposto municipal para 2017, pendente dunha carta de Montoro
Por Alejandro Espiño
Tras a decisión do goberno local de conxelar as taxas e impostos para 2017, quedan por definir dous aspectos que condicionan a elaboración do orzamento municipal para o próximo ano: se haberá ou non aumento salarial para os empregados públicos e cal será o importe das transferencias do Estado. E ambas as cuestións dependen do Goberno central.
Por iso, o responsable político do orzamento, Raimundo González, recoñeceu que os traballos para o deseño das novas contas municipais atópanse en stand-by á espera de que o ministro de Economía, Cristóbal Montoro, informe por carta de ambas as cuestións, xa que definirán substancialmente a base do orzamento para 2017.
Pero mentres tanto hai que seguir traballando coas contas deste ano. Así, na comisión de Economía e Facenda deste mércores aprobouse por unanimidade cinco expedientes de recoñecemento extraxudicial de crédito de "carácter menor", que inclúe gastos en gasóleo ou mantemento de ascensores ou facturas da SGAE e provedores do Concello.
Tamén houbo unanimidade á hora de aprobar unha modificación de crédito de 50.000 euros para o financiamento, a través do Pazo da Cultura, de Culturgal e o desfile Debut da Esdemga.
Non foi así na outra modificación que se debatía nesta comisión, que ascende a 1.079.000 euros, destinada principalmente á amortización de débeda, expropiacións e reformas no mercado de abastos. Só o BNG votou a favor, mentres que o PP opúxose e PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns optaron por absterse.
Raimundo González explicou que o goberno decidiu destinar parte do superávit de 2015, case 800.000 euros, para devolver un crédito bancario asinado en 2010 e que ten o tipo de interese máis alto entre os préstamos que ten solicitados o Concello.
"Non lle damos collido o tino ao PP para contar co seu voto favorable, xa que hai pouco nos criticaban que non amortizáramos débeda", explicou o edil do BNG, que cifrou a débeda municipal nuns 15 millóns de euros.
O PP CRITICA A "MALA PRAXE" DO BNG
O edil do PP, Rafael Domínguez, aproveitou o debate destas modificacións de crédito para denunciar a "mala praxis" do BNG en materia económica, xa que "han batido el récord de la improvisación y la mala planificación" ao ter "enmendado" o orzamento para 2016 en sete ocasiones.
Ademais, Domínguez volveu a criticar que a xestión económica municipal réxase baixo o "dedo de Lores", en referencia á gran cantidade de contratos que se fraccionan para evitar o "control" dos órganos de xestión e da oposición. Tamén explicou que o PP se opón a amortizar débeda porque consideran que ese diñeiro debería destinarse a "inversiones sostenibles".
Relacionadas:
-
O PP invita o BNG a negociar os orzamentos coa condición de baixar os impostos
Por Redacción |
-
En 15 días o goberno local de Pontevedra presentará o borrador dos orzamentos para 2017
Por Oskar Viéitez |
-
O PP propón a creación dunha unidade de control de gasto do Concello
Por Redacción |
-
Pontevedra reclama a Facenda a devolución de case 88.000 euros
Por Alejandro Espiño |
-
Os impostos e taxas municipais, conxelados por terceiro ano consecutivo
Por Alejandro Espiño |